Após desmantelalo, a Xunta recoñece a utilidade do BanTeGal

Rosa Quintana anuncia que a Xunta loitará contra o "abandono da terra" aponstando pola incorporación "de oficio" das terras en desuso no Banco de Terras. Desde a Xunta din que esta é unha "arma xurídica" para "pór en valor o medio rural" após unha dura campaña de desprestixio da iniciativa. 

Desde a posta en marcha do Banco de Terras alá polo ano 2007, da man da Consellaría de Medio Rural --naquela altura dirixida polo nacionalista Alfredo Suárez Canal-- o Partido Popular encetou unha forte campaña de propaganda que visaba facer fracasar a iniciativa. 

Feijóo paralizou e desmantelou o BanTeGal en 2009

Ás ameazas de que o modelo empregado tendía á "sovietización" do réxime de tenza da terra, o PP na oposición atemorizaba @s pequen@s propietari@s coa idea de que perderían as súas leiras e montes en favor da Xunta. Nada máis lonxe dunha medida que incorporaba a un rexistro electrónico as terras infrautilizadas para seren arrendadas por terceiros "coa garantía" da administración galega, aseguraban. 

"Queres quedar sen as túas terras?", titulaba o Partido Popular os pasquíns distribuídos nas vilas galegas. 

Após o triunfo electoral de Núñez Feijóo en 2009, o goberno galego desmantelou o servizo e aparcou o BanTeGal. Agora, logo de cinco anos o executivo do Partido Popular recupera esta iniciativa e preséntaa como unha "arma xurídica" na loita contra "o abandono da terra" en Galiza, unha realidade que, agora si, entenden incrementa o risco de incendios. 

Lei de mellora da estrutura agraria

O anteproxecto de lei de mellora da estrutura agraria foi aprobada polo Consello da Xunta desenvolvido esta quinta feira (14 de novembro) e virá a substituír a vella "concentración parcelaria".

O PP recoñece agora que o abandono da terra incrementa o risco de incendios

 

Segundo anunciou a conselleira de Medio rural e Mar, Rosa Quintana, a norma --que será presentada aos Consellos agrario e forestal o 2 de decembro-- ten por obxecto loitar "contra o abandono" das terras, "optimizar os recursos" agrarios e "pular pola riqueza no rural" a través dun proceso de "re-estruturación parcelaria" que outorga @s propietari@s de "terras abandonadas" tres opcións: "producir, arrendar" ou integrar as súas fincas no BanteGal, algo que o goberno galego, din, fará "de oficio". 

"É unha pena", sinalou Rosa Quintana, que milleir@s de galeg@s estean "procurando un traballo fóra cando no rural teñen moitas posibilidades". Para tal fin, indicou a conselleira, a Xunta fixa un "proceso sancionador" que vai desde os 300 euros aos 3.000 euros para aquel@s propietari@s que teñan as súas terras en desuso. 

Comentarios