Arquivada a causa contra o ex conselleiro Fernando Blanco por "falta de credibilidade na acusación"

"Sinto máis rabia que satisfacción", afirma o ex conselleiro de Industria (2005-2009), segundo recolle El Progreso de Lugo.

Fernando Blanco
photo_camera Fernando Blanco, durante un acto do BNG na época do bipartito

A Audiencia de Lugo acaba de arquivar a causa contra Fernando Blanco, un dos altos cargos do BNG durante o bipartito, por considerar que a acusación formulada contra el polo empresario Jorge Dorribo carecía de credibilidade e en ningún momento foi demostrada.

O sobresemento chega após un proceso que se prolongou durante 7 anos, período en que Fernando Blanco estivo imputado polas acusacións de Dorribo, dono da farmacéutica Nupel e quen foi condenado a 4 anos de prisión polo seu envolvimento na chamada Operación Campeón, unha fraude de subvencións públicas e tráfico de influencias.

O tribunal alega tamén a "demora xudicial" á hora de fundamentar a súa resolución, alegación que se produce após o poder xudicial ter aberto un expediente á xuíz instrutora Pilar de Lara por "dilacións indebidas" no desenvolvimento da causa.

Acusacións sen fundamento

O tribunal vai destripando todas e cada unha das acusacións formuladas por Dorribo contra Blanco, sen conceder crédito a ningunha delas. 

Sobre a suposta recepción por parte de Blanco dun anel como dávida en troca da adxudicación do servizo de limpeza municipal —durante a época en que o nacionalista desempeñou labores de goberno no concello de Lugo—a Audiencia estima que a acusación "carece de todo soporte documental que a avale, e ningún testemuño corrobora a existencia dunha pretendida irregular concesión".

A respecto da hipotética entrega de diñeiro efectuada por Dorribo para ver favorecidos os seus intereses empresariais, o tribunal tamén a desbota porque "a exhaustiva investigación patrimonial da que foi obxecto [Fernando Blanco]", non só el, senón tamén "um amplo entorno familiar do mesmo", non permite concluír "un enriquecimento que evidencie a apropiación das diversas cantidades que afirma Jorge Dorribo".

Tampouco existe a menor proba que dea credibilidade á acusación de que Blanco favoreceu a concesión dunha subvención de 1,4 millóns en troca de participacións nas sociedades que Dorribo tiña en Andorra e Camerún. "Tales afirmacións carecen de soporte documental fiábel ou testifical algún", alega o tribunal.

Comentarios