Apoio masivo a Puigdemont en Perpinyà

Preto de 200.000 persoas, segundo a organización, asisten á celebración da entrada no Parlamento de Carles Puigdemont, Toni Comín e Clara Ponsatí. Puigdemont insta o independentismo a se preparar para a "loita definitiva".
Acto do Consell per la República en Perpinyan (David Zorrakino / E.P.)
photo_camera Acto do Consell per la República en Perpinyà (David Zorrakino / E.P.)

As mellores previsións quedaron curtas. O Parque de Exposicións de Perpinyà, na parte de Catalunya controlada polo Estado francés, converteuse hoxe no epicentro do independentismo. O Consell per la República celebrou neste lugar a entrada de Carles Puigdemont, Toni Comín e Clara Ponsatí ao Parlament, reunindo até 200.000 persoas segundo fontes da organización, que descen a 110.000 nas estimacións das autoridades francesas.

Preto de 600 autobuses, vehículos particulares e trens chegaron desde todos os puntos do país para congregar esta gran masa cidadá no que é o primeiro acto independentista de 2020, tan só tres días após arrincar a mesa de diálogo entre o Govern e a Moncloa.

“Precisámosvos a todos, iso é o que garante o futuro dun pobo ", aseverou Puigdemont

Puigdemont reclamou “preparación” para facer fronte “ao abuso e a inxustiza”. “Precisámosvos a todos, iso é o que garante o futuro dun pobo ", aseverou, facendo unha chamada a estar listos “para a loita definitiva”. O president citou o pasado 1-O como exemplo de organización, a chave da vitoria. A independencia é para el un “anhelo maioritario”, razón pola cal o Estado lles negaría o voto. "A República é a única garantía de poder pór fin, dunha vez por todas, a un réxime monárquico que é herdanza directa do franquismo e ten alerxia a catalanitat", sinalou o eurodeputado de JxCat.

Puigdemont celebrou o "compromiso de loita insubornábel" da cidadanía, apuntando que se debe manter en “mobilización permanente”. Así, non se trata de “esperar tempos mellores”, pois “xa os temos aquí”, proclamou.

As represaliadas, tamén presentes

No acto tamén estiveron presentes as persoas represaliadas que, quer por atoparse na prisión quer pola súa situación xudicial, non puideron comparecer fisicamente en Perpinyà. Oriol Junqueras, presidente de ERC, preso en Lledoners, e Marta Rovira, secretaria xeral exiliada na Suíza, falaron a través dun vídeo.

“Situamos a independencia no centro da política catalá e española”, asegurou Junqueras. Rovira, pola súa banda, destacou que “só podemos permitirnos avanzar”. Percibe que cada vez son mais e que “a represión nos quere pequenos, ameazados [...]. Acabemos cos debates internos, teñamos claro quen é o adversario político que temos que vence”. Aproveitou tamén para celebrar as vitorias xudiciais máis alá das fronteiras estatais. 

“Acabemos cos debates internos, teñamos claro quen é o adversario político que temos que vence”, dixo Rovira

Nesta mesma liña, Jordi Turull, exconseller da Presidència, implorou unidade a todos os actores para afastarse da resignación e valorou como “acertado” o feito de se teren “bifurcado” entre prisión e exilio, pois a acción exterior enfrontou o estado co reflexo “da súa propia infamia”. Jordi Cuixart, presidente de Òmnium Cultural, e Jordi Sànchez, presidente da Crida, chamaron tamén a “derrotar a desunión”. Pola súa banda, tamén varios integrantes dos Comités de Defensa de la República (CDR) apresados o 23 de setembro, o rapeiro Valtònyic ou o activista Adrià Carrasco participaron a través de vídeos.

O exconseller Antoni Comín, membro do Parlamento Europeo, opina que “para gañar de todo virán máis sacrificios, sempre desde a loita democrática. Precisamos as condicións para que a confrontación saia ben. Asumamos se de verdade queremos ser libres, porque debemos asumir o prezo da nosa liberdade”. Engade que se ten demostrado que “España non é un Estado de dereito normal, pois non respecta os dereitos políticos máis elementais e non é unha democracia plena”.

“Somos de Catalunya e non temos que pedir permiso de España para selo”, sinalou Clara Ponsatí

Clara Ponsatí afirmou para ela é un engano “contrapor diálogo e independencia”, pois non “serve de nada” procurar encaixe en España. “Somos de Catalunya e non temos que pedir permiso de España para selo”, sinalou a eurodeputada de JxCat. Os republicanos, representados por Ernest Maragall, aseguraron que este acto é o “contrapunto necesario” á mesa de diálogo.

Comentarios