UN 50,4%

Apenas a metade da afiliación socialista galega participa na consulta sobre o pacto con Ciudadanos

Sánchez atinxe na Galiza un apoio do 82% ao pacto. Unha das porcentaxes máis altas de votos contrarios ao acordo proposto desde Ferraz foi en Ourense:o 30% dos socialistas que tomaron parte no referendo. Na Galiza particiou na consulta apenas a metade da afiliación

pedro-sanchez-ciudadanos rivera psoe pacto

Pedro Sánchez tamén logrou na Galiza o apoio dos afiliados socialistas que participaron na consulta ao pacto para, como figuraba na pregunta proposta desde Ferraz, formar “un goberno progresista e reformista”. Un 82% dos socialistas galegos que votaron no referendo escolleron a papeleta do si fronte a un 18% que optou polo non. Mellores resultados para as teses do secretario xeral que a media estatal (78,9% de apoios ao pacto). Mais na Galiza, a participación foi baixa, mesmo máis baixa que a media estatal. Así, mentres a nivel de todo o Estado a participación foi do 51,7%, no noso país foi do 50,4%, un punto menos.

Por resultados, nas provincias de Pontevedra e A Coruña foi onde maior aval se deu nas urnas ao que é un pacto PSOE-Ciudadanos: 85,5% e 81,7%, respectivamente. En Lugo o apoio mantívose por riba do 80%, atinxindo un 81,7%. Mais en Ourense, ese apoio non chegou ao 70%, ficando por baixo da media estatal. Foi nesta provincia onde maior rexeitamento houbo ao pacto proposto desde Ferraz: un 30%. Foi, tamén, a provincia galega con menos participación (44,1%).

“Satisfacción”

A dirección do PSOE considerou un “éxito” a consulta, respirando ao lograr superar o 50% da participación, algo que non tiñan moi claro lograr ao inicio da xornada de referendo. A federación que deu un apoio máis alto ao acordo foi Euskadi, cun 90%. En Catalunya ese apoio foi do 79%, ao nivel da media estatal.

Porén, desde os críticos con Pedro Sánchez lémbralle que apenas un terzo da militancia socialista apoia o pacto proposto. “A forma de protestar é non votar”, apontan estas fontes, citadas por medios da capital do Estado.


 

Comentarios