'Críticos' e 'villaristas' miden forzas nun concorrido plenario de En Marea

Por volta de 600 participantes na xornada. O plenario suspendeuse temporalmente pola presenza de persoas non inscritas, o que motivou momentos de tensión. Os 'críticos' están a gañar as primeiras votacións.

plenario en marea
photo_camera Imaxe: En Marea

Do plenario que este sábado decorre en Compostela ten que saír calendario e regulamento para elixir a nova dirección de En Marea, así como trazar as liñas básicas sobre as que decidir como concorrerá En Marea ás eleccións europeas ou a estratexia política na clave estatal. Máis de 600 persoas inscritas toman parte na xornada, algo que destacou o portavoz, Luis Villares, que falou de "afluencia masiva".

O plenario suspendeuse temporalmente pola presenza de persoas non inscritas. Vivíronse momentos de tensión pola negativa da mesa da sesión a deixar acceder á aula no que se desenvolve o conclave a persoas que non formalizaran en tempo e forma a súa inscrición para participar. As primeiras votacións foron gañadas polo sector crítico, como a referida á composición da mesa do plenario ou ao regulamento.

Nesta cita hai dous posicionamentos, o que representan as teses da dirección actual e as presentadas pola 'Mesa da Confluencia', impulsada hai uns meses desde Compostela Aberta. Villares apelou á "unidade" que amose como En Marea "é a alternativa ao PP". O portavoz tamén mandou un aviso: as tres "ideas" base de En Marea son as de "democracia", a "xustiza social" e ser un "proxecto nacional galego". Quen non teña claras, dixo, "esas tres ideas, non vén sumar".

Comentarios