Aparecen pintadas con ameazas de morte contra o deputado provincial Uxío Benítez

As mensaxes atopáronse en varias rúas de Tomiño e Goián coincidindo co inicio da campaña electoral. Convocouse unha concentración de repulsa este sábado, ás 18 horas, na praza do Seixo.

Uxío Benítez e César Mosquera denuncian as ameazas (Imaxe: Deputación Pontevedra)
photo_camera Uxío Benítez e César Mosquera denuncian as ameazas (Imaxe: Deputación Pontevedra)

As rúas dos municipios pontevedreses de Tomiño e Goián apareceron o primeiro día de campaña con varias pintadas, que conteñen insultos e ameazas de morte, contra o  edil de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez. O deputado do BNG denunciou os feitos, que relacionou co conflito laboral aberto no organismo provincial polo persoal do Parque de Maquinaria.

“Algúns cren que con ameazas e insultos poden conseguir algo”, indicou Benítez, que advertiu de que “non hai volta atrás na decisión de tratar a todos por igual, que no parque de maquinaria non vai volver a terse o privilexio de dietas por pernoitas sen xustificar. O caciquismo non vai volver, pinten o que pinten, ameacen o que ameacen”. 

"O caciquismo non vai volver, pinten o que pinten, ameacen o que ameacen”, advertiu Benítez.

 O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, compareceu esta sexta feira xunto o edil para mostrar a súa oposición contra estas prácticas. “Temos que facer un chamamento, a liberdade de expresión ata o infinito, pero amezas e coaccións é algo moi grave e dirixímonos ao PP e a Comisións para que freen iso”, dixo Mosquera en alusión ás organizacións que están detrás das protestas laborais no ente provincial.

Non era a primeira vez que o edil do BNG recibía este tipo de ameazas. Por ese motivo, este sábado foi convocada unha concentración de repulsa que terá lugar na Praza do Seixo, en Tomiño, ás 18 horas. 

Tanto a Policía Local como a Garda Civil investigan xa os feitos para determinar a autoría das pintadas, realizadas a maioría sobre bens de titularidade pública, mentres que o propio Benítez anunciou que tomaría medidas para garantir a súa seguridade e integridade física.  

Comentarios