Pontón critica a pinza "PP-PSOE-En Marea"

O BNG, excluído da delegación galega que irá ao Congreso a defender a transferencia da AP9

A forza política promotora da proposición de lei para a transferencia a Galiza da AP9 -o BNG- non estará representada na delegación do Parlamento galego que a defenderá no Congreso. Iso é o que leva a Ana Pontón a denunciar a pinza "PP, PSOE e En Marea" que resultou no "veto" ao BNG.

Foto Ana Pontón pleno- Tranferencia AP-9
photo_camera Ana Pontón mostra a iniciativa do BNG desde a tribuna

A delegación do Parlamento galego estará composta por tres forzas, as que teñen maior número de deputadas e deputados. Por esta orde, PP, En Marea e PSdeG. Por aplicación da pura aritmética parlamentar fica paradoxalmente fóra o BNG, a forza promotora da lei. Un pacto político podería ter feito posíbel que o grupo parlamentar impulsor da iniciativa si estivese presente na delegación. Ese pacto foi demandado por Ana Pontón sen achar unha resposta positiva nas outras bancadas.

"Pregúntolles se lles parece honesto e ético vetar a forza política que impulsou esta lei contra vento e marea, a forza que a redactou e que a rescatou cando estaba condenada a morrer despois do vil veto de Rajoy e Ana Pastor", interpelou Pontón a Feijóo, Villares e Leicega, chefes parlamentares de PP, En Marea e PSdeG.

O veto ao BNG, interpreta Pontón, exclúe a única forza, dixo, "que ten unha defensa netamente galega da transferencia da AP9 como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes e do servizo de terceira de Audasa".

Pontón defendeu que se respeite o direito a que na delegación do Parlamento galego vaia sempre a forza política autora da iniciativa lexislativa e que os postos restantes -2- se repartan entre os grupos parlamentares de forma proporcional á súa presenza na cámara.

A proposición de lei de transferencia da AP9 voltou a ser aprobada polo Parlamento galego esta terza feira, após seren purgados aqueles aspectos do texto -as eventuais repercusións orzamentais da súa aplicación- que no seu día invocou a Moncloa para vetar a súa tramitación no Congreso.

Após a exclusión do BNG vaise dar o paradoxo de que na delegación galega non vaia ningún representante da forza promotora da iniciativa e si un membro dun partido, o PP, que no Estado ten vetado sistematicamente a transferencia da AP9 e que non parece estar disposto a modificar a súa posición.

Nota de Sermos: Esta información foi emendada ás 23.58 minutos grazas a que fomos advertidos dun erro por un amábel leitor.

Comentarios