Ofensiva do BNG

AP-9: Pontón convoca o resto dos portavoces a unha xunta e xa prevé a ausencia de Feijóo

Terza feira, 24 de outubro, 10 horas, Parlamento galego. Día, hora e lugar do encontro de portavoces convocado polo BNG coa transferencia da AP9 na axenda. “Se Feijóo non acode á reunión demostrará que non quere a transferencia da AP9”, afirma Ana Pontón.

Grupo parlamentar BNG 10 outubro 2016. Montse Prado, Ana Pontón, Olalla Rodil.
photo_camera Montse Prado, Ana Pontón e Olalla Rodil.

O BNG continúa a pór os focos sobre a transferencia da AP9 neste comezo da décima lexislatura do Parlamento galego. Para a formación soberanista, é moi grave que o Goberno Rajoy vetase no Congreso a tramitación da iniciativa -unha proposición de lei promovida polo propio BNG no Hórreo e apoiada polo conxunto da cámara-. O Bloque anunciou a semana pasada unha ofensiva política e social arredor deste asunto. A proposta de encontro dos portavoces dos grupos parlamentares é unha das primeiras accións coas que a forza nacionalista quer incrementar a presión sobre Madrid.

En Marea xa anunciou a súa presenza na reunión, na que tamén podería facer acto de presenza o grupo parlamentar do PSdeG. O PP, en troca, o máis probábel é que non compareza. En realidade, Pontón xa o dá por feito: “Se non acode á reunión, Feijóo demostrará que non quere a transferencia da AP9”.

Para Ana Pontón, Feijóo pasa do "Galiza, Galiza, Galiza" da campaña ao seu tradicional "PP, PP, PP, submisión, submisión, submisión"

Feijóo, argumentou Pontón esta segunda feira nun encontro cos meios, non tivo reparos en invocar o nome do país -"Galiza, Galiza, Galiza"- como un mantra durante a campaña. Mais unha vez ultrapasada a data do 25S, Feijóo voltaría ao seu ser normal: xa non é Galiza, Galiza, Galiza, agora é “PP, PP, PP, submisión, submisión, submisión”.

Se finalmente non é posíbel a unidade de acción na defensa dunha proposición de lei do proprio Parlamento da Galiza, argüe Pontón, ficaría claro que Feijóo “comeza a súa lexislatura sendo cómplice dos agravios e discriminacións para o noso país”, o cal demostraría a súa “incapacidade para defender os nosos intereses cando o país o necesita”. 

Comentarios