Campaña por unha AP-9 "galega, pública e sen peaxes"

BNG impulsa unha campaña para pedir o resgate da concesión, a trasferencia a Galiza e a fin das portaxes, polas que Audasa recada 300.000 euros diarios. Ana Pontón convida a participar masivamente no acto de protesta do 26N abonando os importes con céntimos en todas as peaxes da AP9

 

BNG ap9

Compostela colleu esta sexta feira o relevo na campaña que o BNG impulsa para denunciar que unha infraestrutura “estratéxica” para o país como é a AP-9 estea xestionada por grupos financeiros privados estranxeiros co aumento constante de beneficios como norte, Un grupo de militantes e simpatizantes da formación nacionalista concentrouse no compostelán barrio de San Lázaro, á altura do paso da AP-9 pola cidade, para reclamar unha autoestrada “galega, pública e sen peaxes”.

O BNG dá pilso así a unha "ofensiva política e de mobilización social" como novo paso no obxectivo de acadar a transferencia desta autoestrada e poñer fin ao que cualifica de “estafa legalizada” das peaxes.

Nun acto a pé da autoestrada en Santiago, a portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou a disposición do Bloque de establecer un pacto de país con todas as forzas políticas, e un pacto social buscando a implicación do conxunto da cidadanía a través dunha campaña reivindicativa que terá o primeiro acto de protesta o 26 de novembro ás 11.00H co pago simbólico en céntimos en todas as peaxes da AP9, ao que convidou á participación masiva.

Beneficios

O BNG lembra que AP-9 leva recadado en peaxes desde a súa apertura máis de 2.200 millóns de euros e xerou máis de 750 millóns de euros de beneficio, polo que está abondo amortizada. “Cada día a concesionaria recada máis de 300.000 euros en peaxes”, denuncian os nacionalistas. “Soportamos a autoestrada máis cara do Estado tendo os segundos salarios máis baixos. Pagamos máis en peaxes no traxecto Ferrol-Vigo, 17,65 euros, que no traxecto de Ferrol a Madrid, 16,2 euros. Páganse menos peaxes por viaxar desde A Coruña a Madrid que desde A Coruña a Vigo”.

Os inxentes beneficios da concesionaria “non repercuten na mellora do servizo”. Ao que se engade que os usuarios habituais da AP-9 non poden beneficiarse de descontos polo seu uso frecuente, uns descontos que Itínere -o grupo onde se integra Audasa- si ofrece noutras autoestradas do Estado.

A xestión da autoestrada é estatal. O BNG reclama a súa transferencia a Galiza, unha demanda que lembra que obtivo a unanimidade do Parlamento galego. “Esta lei tiña agora que ser debatida no Congreso dos Deputados para a súa aprobación, mais o Goberno de Rajoy intentou vetar o seu debate no Congreso”.


 

Comentarios