Rueda exixe que as obras se fagan "nos termos acordados inicialmente"

O anuncio de Fomento sobre o AVE pon en evidencia a Feijóo e abócao a un conflito co PP de Ourense

Unha semana despois de se reunir co presidente da Xunta en Santiago, o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, cuestiona o proxecto da variante exterior de chegada do AVE a Ourense. Afirma que, de se manter o proxecto actual, o Estado tería de investir 600 millóns de euros en apenas gañar 4 minutos á conexión con Madrid.

Alberto Núñez Feijóo e Íñigo de la Serna
photo_camera O presidente da Xunta e o ministro de Fomento

En Santiago, na reunión con Feijóo, De la Serna xa eludira pór unha data na axenda á finalización das obras do AVE, previstas inicialmente para 2018. Isto xa indicaba con clareza que a demora estaba servida.

A má noticia para a Xunta chegou en forma de anuncio televisivo do ministro, esta segunda feira, ao pór en cuestión a racionalidade de realizar a variante exterior de conexión da liña AVE con Ourense. No seu canto, propón a reforma da vía actual, un camiño de ferro que non permite aos comboios superar os 100 quilómetros por hora.

Argumenta o ministro de Fomento que levar o AVE a Ourense, tal e como está neste momento deseñado o proxecto, custaría ás arcas públicas por volta de 600 millóns de euros e demoraría a execución das obras tres ou catro anos. O AVE ficaría, pois, completo por volta de 2021 ou 2022, isto é, 30 anos xustos despois da súa chegada a Sevilla.

De la Serna emprega o argumento economicista dos 600 millóns de euros para negar a conexión a Ourense na mesma entrevista en que admite que o Estado irá resgatar as ruinosas autoestradas madrileñas por un monto que algunhas fontes sitúan na contorna dos 5.000 millóns de euros.

Como cabía agardar, o anuncio provocou a reacción en contra do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e do alcalde, Jesús Vázquez, ambos do PP.

Vázquez chegou a alcuñar como “trazado da vergoña” a alternativa que propón o ministro de Fomento.

Feijóo ten agora un duplo problema político: acaba de ser posto en evidencia por De la Serna e vese abocado ao enésimo conflito coa organización ourensá do seu partido sobre un asunto a respeito do cal existe unha enorme sensibilización social na cidade das Burgas.

O que é evidente é que, se redeseñe o proxecto ou non, a demora sobre os prazos previstos é inevitábel, sendo que o tramo Taboadela-Ourense, o que agora pon en cuestión o ministro, non está nen sequer licitado.

A variante exterior conta con grande respaldo social en Ourense e o que persegue é minimizar o impacto ambiental da chegada do AVE á cidade e evitar que esta parta pola metade varios bairros.

Reacción da Xunta

A primeira voz do goberno galego en reaxir a este anuncio de Fomento foi a do vicepresidente Alfonso Rueda. O número dous do Executivo acaba de declarar que Monte Pío exixe que o AVE "se conclúa no prazo máis razoábel e nos termos acordados inicialmente".

Rueda non quixo dar carimbo de decisión definitiva ao anuncio de De la Serna e afirmou que a Xunta agarda que Fomento lle traslade "oficialmente" as súas conclusións, sen que isto signifique que o goberno galego vaia aceitar "o que nos diga".

Rueda pronunciouse nestes termos en declaracións á imprensa após inaugurar en Compostela unhas xornadas no Consello Económico e Social.

Esta noticia foi actualizada ás 11.51 horas.

Comentarios