Eleccións

Antón Sánchez: "Non é unha cuestión de nomes, senón de enfoque político"

O portavoz de Anova, Antón Sánchez, insiste en que "ninguén sobra" para "derrotar" o PP.
O portavoz de Anova, Antón Sánchez (Nós Diario).
photo_camera O portavoz de Anova, Antón Sánchez (Nós Diario).

O portavoz de Anova e deputado do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, aposta por unha confluencia de Podemos e EU coa súa formación e mais Compostela Aberta e Marea Atlántica.

Cal son esas diverxencias de fondo que están a dificultar as conversas con Podemos e Esquerda Unida?

Nós sempre apostamos polo espazo máis amplo posíbel onde todo o munda suma, desde a esquerda federalista e o soberanismo ás mareas municipais, onde ninguén sobra. Polo tanto, nunha alternativa electoral para derrotar a Feixoo teñen que estar todos os espazos recoñecidos. Fronte a iso, até o de agora o que nos semella é que queren que sexa un proxecto máis de Unidas Podemos que de todo o espazo. Aspiramos a sumar porque cremos que aí está a chave da derrota da dereita neste país.

É unha cuestión de nomes?

Nego a maior. Non é unha cuestión de nomes. E nego que vaian ser un impedimento. Nós priorizamos o político e ese acordo sobre a cuestión nominal. Isto é unha cuestión de enfoque político, de como queremos que sexa o espazo. Estamos a traballar con todo ese campo de xente que ten apostado por sumar forzas en moitos concellos do país e con eles queremos artellar ese suxeito que un protagonista principal nas mareas municipais.

O soberanismo é a parte que non lle encaixa a Podemos?

Non, eu non diría iso. Hai unha proposta de suma de todo ese espazo e nós cremos que temos que estar todas sen exclusións, que ten que ser un proxecto común e non unha adhesión ao proxecto de Unidas Podemos. A responsabilidade é artellar unha fórmula decisiva para derrotar a Feixoo e por nós non vai quedar. Estamos traballando con todas as mareas para esa alternativa. 

Como valora o chamamento á unidade das mareas municipais próximas a En Marea, coa que Anova negou negociar?

Sempre estivemos dispostos a dialogar con todas as mareas. O que sempre dixemos é que hai unha fórmula que suma, que ten que dar cabida a todas as mareas do país. E aí percibimos que a xente pide unha fórmula sen exclusións. Xogámonos moito nestas eleccións.

Comentarios