Antón Sánchez tende a man á oposición: "A xente ten que saber que somos capaces de poñernos de acordo"

O voceiro de Anova firmou nunha entrevista que o "clamor" que sinte na rúa abre a porta ao remate "a dez anos tan nefastos de Goberno de Feixoo". O líder tendeu a man ás forzas á "esquerda do PSOE" para facer fronte ao Partido Popular de cara as eleccións galegas.
O portavoz do Grupo Común da Esquerda Antón Sánchez (Nós Diario).
photo_camera O portavoz do Grupo Común da Esquerda Antón Sánchez (Nós Diario).

Nunha entrevista na cadea Ser ese domingo o voceiro nacional de Anova, Antón Sánchez, enlazou o “clamor” que percibe nas rúas, “unha maioría que quere un cambio”, coa “condición necesaria” para poñer remate “a dez anos tan nefastos de Goberno de Feixoo”. Sánchez engadiu que esa vontade debe “traducirse na esfera política” pois, aínda que por si mesma “non é suficiente”, supón unha “oportunidade” para artellar unha “alternativa plural e diversa” desde a esquerda.

O deputado do Grupo Común de Esquerda no Parlamento lembrou nas ondas que o PP “foi derrotado en distintas convocatorias electorais nos últimos anos” na Galiza. Por este motivo, cre convinte que a esquerda se apoie no “entendemento” que chega “en base ao diálogo e a uns acordos nos que hai que pactar uns mínimos”.

En referencia ás bases para un posíbel acordo, apuntou as “moitas coincidencias” existentes entre as forzas galegas na Cámara. “Sei que o sentir doutros grupos vai por aí nestes últimos meses de Goberno de Feixoo”, afirmou engadindo que, a pesar das “diferenzas”, a xente “ten que saber que somos capaces de poñernos de acordo para facer fronte ao mal maior”.

Sei que o sentir doutros grupos vai por aí nestes últimos meses de Goberno de Feixoo, asegurou Sánchez

Sánchez tamén ligou os textos lexislativos que o PP quere aprobar antes de que remate o mandato, como a Lei de Ordenación do Territorio ou a Lei de Avaliación Ambiental, a unha vontade de “deixar atados e ben atados determinados intereses para os que traballaron estes anos”.

De cara aos comicios galegos, Antón Sánchez non aclarou o futuro do partido que lidera. Si lembrou que a asemblea de Anova aprobou no seu Consello Nacional unha dobre vía: a aposta por un proxecto “político republicano e rupturista” e as “amplas alianzas” con todas as forzas á esquerda do PSdeG. Martiño Noriega, ex alcalde dos Concellos de Teo e Compostela, é o encargado dos contactos entre partidos.

Sánchez amosouse optimista, afirmando que existe “espazo” para que Anova medre. “A sociedade sabe que para transformar realmente as súas vidas e alcanzar unha maior xustiza social hai certos marcos que neste réxime limitan as súas posibilidades” e aseverou que o seu partido quere “rompelos”. O voceiro de Anova, que descarta volver ao BNG, afirma que o seu obxectivo final é transformar esta forza política “nunha alternativa política hexemónica”.

.

Comentarios