VOCES DE CAMPAÑA

Antón Sánchez: "En Marea terá soberanía plena para falar dos temas que afecten a Galiza" 

Entrevista co coordinador nacional de Anova e deputado de AGE no Parlamento galego.

anton sanchez
photo_camera (Imaxe: Rubens Rocha)


– Imaxino que eufóricos polas enquisas.

– Nunca nos fiamos das enquisas. Nin cando nos dan mal resultado nin cando nos dan bo. Eu son moi escéptico cando se fan enquisas a nivel estatal, e falando de Galiza hai que ter moita cautela. Os escanos de Lugo e Ourense, ao ser tan pouquiños, só catro, podes ter un bo resultado porcentual e non acadar representación. Creo que non hai que ter nada de euforia polas enquisas. Eu me fío máis pola percepción da rúa, onde percibo boas sensacións.

– Que vos din esas enquisas a pé de rúa?

– Vexo boas perspectivas. Sempre repito que hai unha maioría social de xente, diversa e plural, pero que quere que cambien as cousas. O que hai que tratar é de que haxa unha alternativa política que represente esa maioría, que creo que se estaría identificando con En Marea na Galiza.

– Cal sería un bo resultado para ti?

– Temos que traballar arreo nestes días 15 días. Tratar de que quede tocado o PP en Galiza, e que vexa que non conta con esa maioría como tiña noutros anos. E que se visualice en Galiza unha alternativa, con diversas sensibilidades. Creo que é posible o fin da hexemonía do PP en Galiza. Tantos as enquisas coma as sensacións dan a entender que xa perdeu ese apoio maioritario e a hexemonía da rúa. Polo tanto, que o PP quede tocado no país e En Marea sexa a principal alternativa política.

– Como encaixar as pezas desa alternativa plural cando a prensa estatal o trata como parte dun todo?

– En Marea vai ter soberanía plena para falar de todos os temas que afecten a Galiza. É un proxecto propio galego, onde está Podemos e Esquerda Unida, pero non é Podemos, nin Esquerda Unida nin Anova. É un proxecto totalmente soberano, e dentro do suxeito sabemos que temos posicións diferentes en algunhas cousas, pero que temos que tratar de chegar a uns mínimos comúns.

– En Marea vén de presente o programa, que achegas gardan maior ligazón con Anova?

– Si temos que decidir algo especialmente, sempre facemos fincapé en que Galiza é un suxeito político soberano, e que Galiza debe ser o que decidan os galegos e galegas. Esa é a principal achega. Aínda que nós tamén pulamos por políticas sociais para un cambio de modelo, da loita contra un sistema inxusto, contra o capitalismo, temos moitas cousas en comúns con toda a xente que vai En Marea. 

– No aniversario da Constitución española, cal sería a vosa proposta?

– Hai unha aposta clara de Anova e un acordo político de En Marea. Nós trataremos, trataremos dentro do posible, de dar pulo porque se abran procesos constituíntes. E que cada proceso se decida no ámbito de Galiza, de Catalunya, de Euskadi e do Estado español, pero que se abra un proceso constituínte. A Constitución do 78 non é reformable, queremos partir de cero para elaborar un novo marco político.
 

Comentarios