Villares: "Se alguén debe demitir é o conselleiro"

Antón Sánchez: "Lidia Senra continúa a representar AGE en Bruxelas"

"Está a facer un traballo por Galiza en Bruxelas", afirma en declaracións a Sermos o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez.

Lidia Senra e Antón Sánchez expuxeron a problemática do CETA. Foto: Irene Pin
photo_camera Antón Sánchez e Lidia Senra, nunha comparecencia conxunta no Parlamento galego, durante a pasada lexislatura. Foto: Irene Pin

"Lidia Senra continúa a representar AGE en Bruxelas. E está a facer un traballo por Galiza", di Antón Sánchez perante a pergunta de se a eurodeputada representa ou non Anova no Parlamento europeu. "Representa AGE. Sempre foi así. Esa foi a lista pola que nos apresentamos e na que ela consta".

AGEe (unha coligazón de Anova e Esquerda Unida) é a marca que adoptou na Galiza a candidatura Esquerda Plural (impulsada no estado por IU) nas eleccións ao Parlamento europeu de 2014. A lista obtivo 6 escanos. Senra -proposta por Anova- ocupaba a quinta praza.

Após se suscitar unha viva polémica arredor dunha pergunta da europarlamentar á Comisión en que defendía a non obrigatoriedade das vacinas, IU afirmou que Senra xa non a representaba en Bruxelas por ter abandonado a delegación da Esquerda Plural o pasado mes de marzo.

Estaríamos, a ollos de IU, perante un episodio de transfuguismo que levou á formación esquerdista a solicitar unha reunión con Anova, de acordo cun documento da organización liderada por Alberto Garzón ao que tivo acceso Sermos Galiza. Nese encontro IU teríalle pedido a Anova que asumise "os custos" económicos decorrentes do abandono de Senra, con quen existían diferenzas a respeito da cesión de parte do seu salario ás arcas da delegación da Esquerda Plural.

Perguntado por Sermos sobre a existencia desta reunión, Antón Sánchez contestou nestes termos: "Non é o momento de falar de nada diso. Iso teredes que llo perguntar a Esquerda Unida".

Aval de Luís Villares

O asunto Lidia Senra salferiu inevitabelmente a comparecencia informativa desta segunda feira de Luís Villares, portavoz orgánico e parlamentar de En Marea, quen se apresentou perante a imprensa na habitual conferencia de imprensa de comezo da semana. Inquirido a respeito de se a eurodeputada tería que demitir por se opor á prescrición obrigatoria das vacinas por parte dos Estados membros da UE, Villares contestou que "se alguén debe demitir por un tema sanitario é o conselleiro", por perpetrar un "atentado contra a saúde dos galegos" coa proposta de reforma da Lei de Saúde aprobada a pasada quinta feira polo consello da Xunta.

unnamed (13)Villares reiterou a súa discrepancia con Senra a respeito das vacinas -o portavoz de En Marea si que defende que a súa prescrición sexa obrigatoria- mais alegou que este asunto non "inhabilita" a eurodeputada, ao tempo que reafirmou que entre a confluencia que el lidera e a representante de AGEe en Bruxelas "non existe relación orgánica".

O líder de En Marea -que hai 10 días visitou Senra en Bruxelas- destacou o labor da europarlamentar en defensa dos sectores produtivos do país -como o lácteo ou o pesqueiro-, un traballo que tamén estarían a realizar na Eurocámara "outros aliados estratéxicos", dixo, en alusión a Podemos e Esquerda Unida.

Comentarios