Anova

Antón Sánchez describe a Martiño Noriega como un referente e non o descarta para liderar un próximo proxecto de unidade

O deputado no Parlamento galego e portavoz nacional de Anova Antón Sánchez asegurou que o exalcalde de Santiago de Compostela é "un referente” e “un dos imprescindíbeis” e afirmou que "vai ter un compromiso político para sempre".

Antón Sánchez
photo_camera Antón Sánchez

“En Marea foi unha aposta valente” afirmou o deputado no Parlamento galego e portavoz nacional de Anova Antón Sánchez nunha entrevista na Cadena Ser onde amosou o seu pleno convencemento en que a cidadanía entendeu as dificultades existentes para manter unido o proxecto, en relación á ruptura do grupo parlamentar de En Marea (onde actualmente fican Podemos, EU e Anova) após a marcha de quen era o seu portavoz parlamentario, Luís Villares, e de tres deputadas e deputados máis que conforman agora o grupo mixto e que forman parte da formación política En Marea.

"Faltou diálogo para manter a unidade de En Marea", recoñeceu Sánchez, mais engadiu a necesidade da existencia dun instrumento similar "porque os problemas das galegas e galegos son os mesmos", sentenciou.

"É unha persoa capaz de liderar espazos plurais e ademais unha persoa nova e creo que vai ter un compromiso político para sempre", insistiu o líder de Anova

Sánchez quixo referirse ao ex alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, líder de Compostela Aberta, como "un referente" e "un dos imprescindíbeis" que, ao seu xuízo, é "capaz de liderar espazos plurais".

Á pregunta formulada sobre se Noriega podería encabezar o novo proxecto ao que Sánchez aludiu, o deputado afirmou que non o descarta e declarou que "dependerá” tamén do propio Noriega, xa que "para moitas persoas é un referente", aseverou.

"É unha persoa capaz de liderar espazos plurais e ademais unha persoa nova e creo que vai ter un compromiso político para sempre", insistiu o líder de Anova.

Así mesmo, avanzou que as necesidades da Galiza serán o centro do traballo do próximo período de sesións na cámara galega e non nas discrepancias políticas, e engadiu que é preciso un instrumento similar a En Marea "para ter unha vivenda digna, un traballo, para non ter que emigrar...".

Sánchez non se pronunciou na entrevista sobre un posíbel cambio de nome do grupo parlamentario En Marea

En relación ás eleccións galegas de 2020 o deputado sinalou que "esas cuestións tan importantes non van vir só cun cambio de inquilinos nas institucións, non van vir do propio réxime e ten que haber un cambio máis fondo. Na medida que sexamos capaces de construír unha alternativa para toda esa maioría social que quere cambios profundos, poderemos ser esa solución para dentro dun ano nas eleccións galegas".

Sánchez non se pronunciou na entrevista sobre un posíbel cambio de nome do grupo parlamentario En Marea, para non coincidir co nome da formación política que lidera Luís Villares e que agora está no grupo mixto e reclama a nomenclatura.

En canto ao futuro de Anova, Sánchez anunciou que a organización celebrará unha asemblea para tomar decisións e entende que "a militancia seguirá apostando por esas solucións valentes" en referencia a aposta pola confluencia coas forzas que actualmente partillan o grupo parlamentar.

Comentarios