Antón Sánchez cualifica de "fraude" a forma en que Xoán Hermida se incorporou ao Parlamento

O líder de Anova e viceportavoz de En Marea acusa Xoán Hermida de "utilizar a acta de deputado para cuestións internas".

Antón Sánchez
photo_camera Antón Sánchez

Continúa o fogo cruzado na confluencia. Se Xoán Hermida atacaba Paula Quinteiro co argumento de que no plano ético xa non representa os valores de En Marea, Antón Sánchez respondía cun ataque directo á forma en que o ex dirixente de Espazo Socialista se ten incorporado ao Parlamento galego. Sánchez cualificouna directamente de "fraude". Hermida adscribiuse esta quinta feira ao grupo parlamentar do partido instrumental, mais non ten intención de exercer como deputado, isto é, non adquirirá a condición plena de parlamentar (non terá salario, mais tampouco poderá participar nos debates e votacións da cámara, o cal a efeitos prácticos convérteo nunha sorte de non deputado).

Para o portavoz nacional de Anova, Hermida ten perante si só dúas saídas: a de tomar posesión do seu escano con todas as consecuencias para cumprir coas súas obrigas como parlamentar ou a de renunciar á acta de deputado como anunciara previamente ao verse envolvido, el tamén, nun incidente coa policía local de Pontevedra. Ir polo camiño do medio, entrar no Pazo do Hórreo mais sen adquirir a condición plena de deputado, "é unha fraude que non debemos permitir", dixo Sánchez.

"Se somos deputados é para servir a xente que nos votou e non para utilizar a acta para cuestións internas", afirmou o viceportavoz parlamentar de En Marea esta quinta feira en declaracións a Radio Galicia-SER. E situados nesta tesitura que cabe facer? "Hai que exixirlle [a Hermida] que cumpra [coas súas obrigas como parlamentar] ou que renuncie á acta", dixo e a seguir cualificou de "intolerábel" a "chantaxe" que o novo parlamentar da confluencia, persoa moi próxima a Villares, está a tentar facerlle a Quinteiro ao ter ligado a súa renuncia á demisión desta.

Comentarios