Antón Gómez-Reino: "Aspiro a ser presidente e o Goberno terá que organizarse en función da correlación de forzas"

O líder de Galicia en Común ve posíbel que Feixoo e o PP perdan o 12-X e que haxa un Goberno alternativo na Galiza. Mais para logralo, incide na necesidade de que o votante de esquerdas se mobilice.
Antón Gómez-Reino, na redacción de Nós Diario (Imaxe: Arxina)
photo_camera Antón Gómez-Reino, na redacción de Nós Diario (Imaxe: Arxina)

Activar o voto de esquerdas, eis a chave para que haxa cambio de Goberno, di Antón Gómez-Reino. O candidato de Galicia en Común sitúa a cita electoral como uns comicios "case plebiscitarios" para marcar o rumbo do país, "ao ter que escoller entre privatizacións, recortes e corrupción ou defensa dos servizos públicos, da economía produtiva e dos dereitos sociais". Reino confía en que visibilizar que un Goberno alternativo é posíbel xera confianza e anima a votar a xente de esquerdas, a cal, enfatiza, "é maioría na Galiza". 

—Como valora a xestión da crise pola Xunta?

Se for unha avaliación académica, diría 'non comparecida'. A Xunta ausentouse do exercicio das súas competencias, non gobernou e, cando o fixo, foi para mal. Ademais, Feixoo utilizou a radio e a televisión públicas galegas como altofalantes do PP. 

Hai que relocalizar e reindustrializar, mirando os retos do cambio climático

—Cre que Feixoo contaba cun rebrote antes das eleccións?

Debería contar, porque os documentos que nos remitiu ás formacións contemplaban esa posibilidade. Ponse de manifesto que detrás da convocatoria electoral só había unha vontade partidista de Feixoo, que durante a crise se dedicou a facer propaganda, precampaña e golpear deslealmente outras Administracións, non só o Goberno estatal, tamén moitos concellos que agora mesmo, na Mariña, están criticando que non teñen protocolos nin información. Feixoo é o máximo responsábel da situación e nin está nin se lle espera para gobernar. 

—Danse condicións para votar na Mariña?

Quen ten que garantilas é Feixoo, que é quen convoca as eleccións e, en última instancia, a Xunta Electoral. Exiximos que haxa garantías sanitarias e democráticas e, de non se daren, haberá que revisar unha suspensión do proceso electoral, pero entendo que, nese caso, procedimentalmente tería que suspenderse en todo o país.

Feixoo utilizou a radio e a televisión públicas como altofalantes do PP

—Agora que se fechou A Mariña, cre que se debera ter fechado Madrid e Galiza ao inicio da crise?

O estado de alarma e as medidas de confinamento foron historicamente severas, implicando que a poboación non se puidese mover do seu territorio, polo que non podían vir ao noso país. 

—Cales deben ser os alicerces da reconstrución da Galiza?

Defendemos un reforzo contundente dos servizos públicos, da sanidade e educación. Logo de anos de deslocalizacións e desindustrialización hai que relocalizar e reindustrializar, mirando os retos do cambio climático, pensando na economía verde e ollando a Europa. Hai que apoiar os sectores produtivos e primarios, reforzar a actividade agraria, o sector da pesca e o marisqueo.

Urxe reconstruír dereitos e o estado de benestar na Galiza, garantindo o dereito á vivenda e combatendo a desigualdade con medidas como a Renda Garantida da Cidadanía Galega que propomos. O noso compromiso é reverter o proceso de privatización e de recortes. Ademais, a investigación ten que ser chave para relanzar o país, ampliando o seu financiamento. 

É innegábel que a Galiza é unha nación e que hai tres nacións no Estado

—E ante esa crise industrial, defende a nacionalización de Alcoa?

O 13 de xullo, se estamos no Goberno, a nosa proposta vai ser que a Xunta interveña, e intervir quere dicir que haxa participación pública nesa empresa, de forma que haxa un control sobre o que nela sucede e que poidamos garantir con investimento público a continuidade dos postos de traballo e da produción. 

—Toca actualizar o Estatuto e recoñecer nel Galiza como nación? 

En primeiro lugar, toca ter un Goberno que exerza as súas competencias e activar as transferencias, o cal estivo fóra da axenda do PP. Unha das primeiras cuestións que debemos facer no novo Goberno é convocar a comisión mixta entre o Estado e a Xunta para abordar de forma inmediata a transferencia da AP-9, a seguridade marítima e conseguir un marco galego de relacións laborais. 

É innegábel que a Galiza é unha nación e que no Estado hai tres nacións. É positivo recoñecer o noso status a nivel normativo mais tamén exercelo. 

Imos ter unha dereita que fará oposición deshonesta

—Ten medo de que o PSOE, e non Unidas Podemos, capitalice simpatías cara ao Goberno estatal?

Non teño medo de capitalizacións electorais. O que teño é vontade de seguir mellorando a vida da xente. A presenza de UP e da ministra Yolanda Díaz no Goberno facilitou que se fixesen medidas máis de esquerdas e comprometidas coas maiorías sociais. De non estarmos no Executivo, non teríamos unha suba do salario mínimo a inicio da lexislatura, non se tería comezado a derrogar a reforma laboral ou non habería medidas de mobilización de recursos públicos como nos ERTE. É preciso que forzas progresistas, de esquerdas e soberanistas do país traballemos de forma cooperativa para asentar o ciclo de políticas progresistas no conxunto do Estado. 

—Ollando o último bipartito na Xunta, como evitar perder en catro anos fronte o PP?

Tendo fluída relación cos movemento sociais, sendo claros e non defraudando, e iso vai de xerar as expectativas oportunas e de cumprir con todas as propostas que nos marquemos. Ademais, non debemos ser timoratos ante os poderes económicos e mediáticos e teremos que ser conscientes de que imos ter unha dereita que fará oposición deshonesta.

—As enquisas dan empate entre BNG e PSdeG. Investiría na Presidencia Pontón ou Caballero?

O fundamental é que haxa un cambio político e nós imos traballar para facelo posíbel mobilizando o votante de esquerdas. Eu aspiro a ser presidente e a gobernar, e ese Goberno terá que organizarse en función da correlación de forzas que saia das urnas. 

 

De perto

Coruñés namorado da montaña

É veciño do barrio de San Roque (A Coruña)
Toda a súa vida viviu na Coruña, aínda que naceu en Madrid en 1980. 

Foi redactor, mozo de almacén e deputado
Empezou a estudar Socioloxía e logo Saúde Ambiental, mais a súa formación adquiriuna sobre todo traballando desde novo. Foi redactor deportivo en xornais da Coruña e traballou no sector lácteo e en cooperación internacional.  Desde 2016 é deputado no Congreso e leva a Secretaría Xeral de Podemos na Galiza. 

Apaixonado da montaña
Gosta de nadar no mar e desde pequeno apaixónalle a montaña, "é un espazo liberador", di. Encántalle "comer e cociñar". 

Gustos
Un libro especial para Reino é Porca terra, de John Berger. Novecento, As invasións barbaras e O que arde son os seus filmes especiais. Como canción salienta Ojalá de Silvio Rodríguez, e como grupo da súa vida, Negu Gorriak.

Comentarios