Eleccións

Antón Gómez-Reino: "Queremos candidaturas que visibilicen todas as organizacións"

O candidato ás primarias de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, confía en chegar a un acordo para a coalición.
O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino (Nós Diario).
photo_camera O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino (Nós Diario).

Antón Gómez-Reino, secretario xeral de Podemos Galicia e, practicamente, candidato, incide en que a "maioría social" a favor dun cambio político na Xunta quere que o lidere o espazo político que ocupa a formación morada e mais EU, Anova e as mareas locais.

Cal son os eixos centrais das diverxencias con Anova?

Non teño a sensación de que existan tantas diverxencias, pero si un convencemento compartido de que a maioría social que reclama unha mudanza política na Galiza quere que o eixo dese cambio pivote en torno ao espacio político que Podemos Galicia comparte con Anova, con Esquerda Unida, coas mareas e con moitos outros actores e actrices da sociedade civil. A posibilidade de sacar a este país do decenio negro de Alberto Núñez Feixoo pasa por seguir desenvolvendo este proxecto.

Anova nega que os nomes sexan un problema, cal é a postura de Podemos Galicia? E a súa como candidato (ás primarias)?

Para Podemos Galicia os nomes non son nin serán problema. Somos conscientes de que para seguir desenvolvendo este proxecto político común, todas as organizacións e actores que participen nel teñen que sentirse cómodas. Nós queremos conformar candidaturas que representen e visibilicen a presenza de todas as organizacións, e que garantan as mesmas oportunidades de obter o apoio do electorado, e, polo tanto, representación institucional. Pero todo iso ten que estar dirixido a gañar o Goberno da Galiza.

No que se refire a miña candidatura ás primarias de Podemos Galicia, responde a unha obriga estatutaria. Quen deciden en Podemos cal son as candidatas máis capacitadas e quen as lexitiman para compoñer as candidaturas son as inscritas en Podemos. A ninguén lle pode parecer estraño que o secretario xeral de Podemos Galicia se presente ás primarias do partido nas que se vai elixir ao candidato de Podemos á Presidencia da Xunta da Galiza.

Neste momento, ve posíbel unha confluencia con todas as formacións?

Por suposto. Queremos seguir compartindo proxecto político con elas.

Comentarios