Antón Bao deixou esta sexta feira a portavocía do grupo municipal do BNG no Concello de Lugo e o seu escano como edil. A decisión, anunciada en comparecencia de imprensa xunto coa dirección do BNG de Lugo, débese a razóns de índole "persoal" e "familiar" asegurou o nacionalista, claramente emocionado.
Bao, amosou o seu agradecemento á militancia da organización frontista por ter confiado nel como candidato á alcaldía de Lugo e posteriormente como portavoz do grupo municipal.
Antón Bao asegurou que continuará como "militante de base" no BNG
Asemade, lembrou que a súa decisión non o afastará do "compromiso" político "co BNG" nen "co país" se ben, razóns ulteriores exixiron que adoptara esta decisión. Neste senso, salientou que continuará como "militante de base" apoiando o que considerou como " o mellor proxecto político para o país".
O nacionalista comezou a súa traxectoria política hai 15 anos como concelleiro en Becerrerá. Ao longo destes anos asumiu distintos postos de responsabilidade, quer no seo da organización frentista, quer no ámbito institucional.