A nosa Revolución de abril

Antolín Faraldo, o protonacionalismo

O catedrático de Lingua e Literatura, ensaísta e autor de múltiples traballos de sociolingüística, crítica literaria e historia, achega un perfil ao redor da figura de Antolín Faraldo, con motivo da conmemoración da nosa Revolución de Abril.

Antolín Faraldo, por Francisco Sobrino
photo_camera Antolín Faraldon, por Francisco Sobrino

Imos partir das análises de Manuel Murguía sobre Antolín Faraldo e a súa obra, pois fanse con coñecemento de causa, sen deixarnos apreixar ou anular por elas, porque necesitan matización, á luz doutras informacións contrastadas, e evidencian algunhas contradicións que nos revelan perfís non dabondo subliñados, ou desmerecidos, precisamente por mor do contexto histórico desde o que o historiador contemplou o pasado próximo. Di Murguía no capítulo que dedica a Antolín Faraldo en Los Precursores que, este, como defensor da existencia de Galiza como pobo con dereitos políticos, veu ao mundo antes de tempo, polo que estaba condenado o seu compromiso ao fracaso entón. Moita xente ilustrada e o pobo consciente, vén dicirnos Murguía, esperaba milagres do proceso de centralización que se estaba a producir na década dos corenta do século XIX, fundamentado na idea dunha soia nación como base dun Estado democrático, que procuraba lexitimidade no discurso do progreso (sen eufemismo, a acumulación capitalista e o mercado único) e da necesidade de liberar a xustiza, a milicia e o goberno das gadoupas da nobreza. Nunha palabra, esperaban dela a liberación das servidumes e opresións do feudalismo, do Antigo Réxime. Por certo, o comportamento lingüístico de Faraldo na escrita, coa exclusión total do galego, hai que atribuílo ao peso da concepción abafante que identificaba modernidade e progreso con castelán, un factor clave para o dominio colonial, ben enraizada nas clases burocráticas –nado en Betanzos, era fillo de fidalgo escribán- e na Universidade de Santiago, nada proclives á identificación cultural coa masa campesiña.

Murguía tiña claro que Antolín Faraldo foi o primeiro en defender a causa de Galiza

Porén, Antolín Faraldo detectou que o Estado que se estaba construíndo reforzaba opresións económicas sobre o pobo galego, anulaba aínda máis a súa capacidade política e privábao de toda memoria e dignidade sobre si mesmo. Foi o primeiro en enuncialo con tal claridade e contundencia. Porén, pretendeu facer compatíbel esta posición cos esquemas ideolóxicos do progresismo español no que militaba. Deste xeito, reivindicaba Galiza como reino –a terminoloxía política do Antigo Réxime-, e como provincia –a forma de facela compatíbel coa nova invención da nación española unha. Aliás, por debaixo desta acomodación, é perceptíbel que late un espírito protonacionalista, nas súas referencias comparativas e na conciencia da diferenza, da especificidade. E como non, e moi importante, Antolín Faraldo estivo presto a luxarse as mans na política práctica. Defendía o libre exame contra a rutina escolástica e dogmática, predominando nel a preocupación histórica –tamén e, en particular, sobre Galiza,- e a filosófica, alentada por un socialismo utópico de tipo evanxélico. Mais non foi nunca só un teórico, senón, desde noviño, un home predisposto á acción e ao compromiso político.

Revolución de abril

Amparou socialmente e aproveitou, nunha conxuntura favorábel, a rebelión militar progresista do dous de abril de 1846 na Galiza, contra o goberno conservador de Narváez, para promover un poder civil propio do país, arrastrando tras de si centos de estudantes e axudando a instaurar unha Junta Superior de Goberno Provisional de Galiza, da que foi Secretario con apenas 23 anos, disposta a aplicar unhas medidas que a prensa española de entón cualificou, con certo desprezo e rancor, como Constitución Gallega. Esta mesma prensa, por exemplo El español (29. 4.1846), detecta, na primeira declara ción revolucionaria do Goberno provisorio (consideración de Galiza como unha colonia da Corte e decisión de levantala da súa humillación e abatemento), que “andan en el ajo” os redactores de El Porvenir Gallego (sic), e moi en particular Antolín Faraldo, empeñado en buscar remedio no que é causa dos maiores males, segundo ela, para la nación española: “el estar compuesta de una agregación de reinos”. Por certo, Murguía afirma que Antolín Faraldo proclamara a independencia de Galiza. A chata estaba, para el, e falaba con experiencia, en que achegaba forzas a un partido político, o Partido Progresista, que sabía perfectamente que perseguía unha sombra, é dicir, que non ía propiciar nunca a consecución de semellante obxectivo. Subliñemos que se abateu sobre Galiza e os sublevados un aparato militar abafante, por terra e mar, desprazado desde varias partes, que tardou máis de vinte días en acabar coa sublevación. O Goberno tomou a decisión exemplarizante de fusilar os oficiais sublevados, con Solís ao fronte, tras un xuízo sumarísimo en Carral, e castigou a clase de tropa con traslado a Puerto Rico e Cuba por varios anos. Foron moitos civís, a comezar polos membros do Goberno provisional, os que marcharon para o exilio en Portugal.

Antolín Faraldo foi un home predisposto á acción e ao compromiso político

Creo que Murguía non pondera dabondo o descrédito, a persecución e a vixilancia a que Faraldo foi sometido, aínda con máis saña, após a revolta de 1846 e ao seu regreso de Portugal en 1847, polos seus antecedentes e polas súas ideas. Hai indicios de que, de arribada en Vigo, a fins de aquel ano, intentou, por todos os medios, comezar unha defensa da súa honorabilidade como secretario que fora do Goberno provisorio, o que non lle foi permitido, optando por facelo desde Santander (manifestación por el asinada nesta cidade o 24 de outubro de 1847, publicada en El Eco del Comercio de Madrid, do 30 dese mesmo mes e ano) á espera de os tribunais o procesaren e sentenciaren, espada de Damocles que pendeu sempre sobre el. A súa estrema fidelidade a Espartero nunca foi recompensada debidamente nas filas do propio partido. La Europa, unha publicación coa que intentou facerse un oco dentro da prensa progresista madrileña, durou quince días, para morrer baixo a airada man do goberno de Bravo Murillo. Abandonou entón o nacionalismo e fíxose só progresista de amplo horizonte europeo no seu exilio permanente de Galiza até o final da súa vida? Murguía responde que se non esqueceu os seus antigos soños, os aprazou. Os seus compañeiros de Universidade e de revolución en Santiago, Antonio Romero Ortiz e José Rúa Figueroa, nun artigo necrolóxico na prensa madrileña, após morrer en Granada, onde foi soterrado, expresábanse así: “… las persecuciones empezaron para él cuando para otros se abría la carrera de los destinos: de la universidad salió para la emigración; de la emigración regresó para devorar en las filas de su partido una serie de infortunios (…) De este año (1846) lo pierden de vista las letras, y con las letras su patria. Náufrago como nosotros de la revolución de Galicia, se refugia en las orillas del Tajo; víctima también como nosotros de las persecuciones de 1848, va a ocultarse entre las risueñas florestas de Andalucía” (La Nación, 3.7.1853).

A ausencia de Faraldo de Galiza e a súa morte prematura, lonxe do seu país, con 30 anos, deixou un reducido exército sen xefe, como afirma Murguía. Desde logo, tiña claro que fora o primeiro e o mellor en asumir e defender a causa de Galiza. Era un “Novo Moisés”, malia non lograse ver a terra de promisión. Nesta definición non está só o espírito nacionalista de Murguía proxectado cara ao pasado, está tamén a consideración de as ideas e as intencións de Antolín Faraldo superaren o que, na práctica social e política, foi capaz de promover, que non foi pouco nin deixou de pagar moi caro.

[Este artigo foi publicado no Sermos Galiza 191, no A FONDO A nosa revolución de abril, á venda na loxa]

Comentarios