Anticapitalistas pide “un voto crítico” para as formacións “da esquerda galega” o 12-X

A organización considera “importante” que se “derrote nas urnas” ás políticas de Feixoo e considera que sería “un paso positivo” que a alternativa ao PP na Galiza non fose liderada polo PSdeG.

voto

Anticapitalistas pide un “voto crítico” para os partidos “da esquerda galega” nas eleccións deste 12-X. Esta organización, un dos eixos do nacemento de Podemos – de quen se desvinculou este ano-, consideran que sería “un paso positivo” que a alternativa ao PP na Galiza non fose liderada polo PSdeG, a quen cualifican de “alicerce progresista do sistema”.

“O PSOE, coas súas renuncias a incrementar a fiscalidade sobre os ricos ou a derrogar completamente as reformas laborais, contando coa complicidade de Unidas Podemos, carece de vontade á hora de afrontar estas reformas estruturais nin no Estado nin en Galiza”, indican nun comunicado.

“Constatamos que é importante derrotar nas urnas as políticas de Feixoo pola súa agresividade coas maiorías sociais galegas. Non nos é indiferente quen goberne, pero non confiamos que constitúan alternativas reais forzas políticas carentes dun proxecto alternativo sólido, que aplican as lóxicas do “mal menor”, que se conforman coas medidas parciais e claramente insuficientes que están a aplicar no chamado “Goberno de Progreso”, engaden.

Anticapitalistas consideran que “é necesario” crear un espazo á esquerda que traballe pola “ruptura”, e que debería apostar por cinco puntos: modelo de servizos 100% público, a socialización dos coidados, a nacionalización dos sectores estratéxicos do país, o aumento dos impostos ás grandes fortunas e a defensa do dereito de autodeterminación do pobo galego.

Comentarios