Anova urxe afrontar política e socialmente a "fase de crise terminal" da Constitución

Anova chamou este 6 de decembro a afrontar política e socialmente a “crise terminal” na que ve a Constitución e o Réxime do 78, unha situación que “poderá dilatarse máis ou menos no tempo" pero que ve urxente encarar.
 
Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez (Arquivo)
photo_camera Xosé Manuel Beiras e Antón Sanchez, nunha comparecencia en 2018

Para Anova, a Constitución de 1978 contempla procedementos de reforma "moi ríxidos" que a fan "un documento moi difícil de adaptar aos tempos cambiantes". Critica ademais que "foi empregada nos últimos tempos como unha arma arreboladiza e de parte, converténdoa nun texto sacralizado e dividindo á cidadanía entre 'constitucionalistas' e 'non constitucionalistas".

O partido considera que desde a “crise-estafa do 2008” e a apertura da crise cultural e de réxime que se manifestou a partir do 2011 “foi máis patente a sintomatoloxía do esgotamento e os límites da “narrativa (forzosamente) consensual” procedente da Transición”.

“A entrada na institucionalidade-UE e as obrigas contraídas con ese espazo decisorio cada vez máis estreito no democrático e lonxano do común cidadán, e que apostou na última década polo disciplinante neoliberal, provocou que boa parte do articulado referente aos apartados económicos e sociais ficasen en papel mollado”, censura a formación nacionalista, que subliña que todo o referido á vivenda, á subordinación da economía ao interese xeral e a democratización “contrasta coa dura e desigual realidade no día a día dunha ampla maioría de cidadás e cidadáns”.

Coas clases populares

No comunicado, recupera as palabras do seu membro fundador, Xosé Manuel Beiras, en 2015, nas que avanzaba o reto de “darmos remate ao apodrecido réxime actual, mediante o protagonismo da cidadanía activa nun proceso sociopolítico de creba ou ruptura democrática que abra paso a un proceso constituínte ex novo en dous níveis combinados, tanto o de cada un dos pobos que compoñen a realidade plurinacional do ámbito do estado, para exerceren o seu dereito de autodeterminación mediante a libre decisión, canto o do conxunto do Estado e das súas institucións xurídico-políticas”.

“Seguimos e seguiremos pulando por abrir esas fechaduras e eses horizontes democráticos a favor das clases populares”, salienta Anova.  

Comentarios