Anova submeterá á votación da súa militancia unha eventual alianza con IU nas europeas

A Coordenadora nacional aprobou unha folla de rota que culminará coa convocatoria dunha Conferencia política na que a militancia decida con que aliad@s concorrerán ás eleccións do Parlamento europeo.

Segundo recolle a axencia de noticias, Europa Press, será a militancia de Anova quen decida --previsibelmente a comezos do vindeiro ano-- con que formacións concorrerán ás eleccións europeas. Así o decidiu a Coordenadora nacional, o máximo órgano entre asembleas, na xuntanza decorrida o pasado sábado 14 de decembro. 

A fórmula de concorrencia ás eleccións ao Parlamento europeu pola que se inclina neste momento Anova é a dunha "fronte ampla non excluínte", isto é, unha coligación basicamente con Izquierda Unida. Dar o aval a esa alianza cunha forza política de ámbito estatal, que en teoría aspiraría a encabezar a candidatura, é o que terá que decidir a militancia da formación liderada por Beiras.

A proposta de "fronte ampla non excluínte" non ten atopado apoios entre as formacións do soberanismo de esquerdas de Galiza, Euskadi e Catalunya.

Anova dirixiu recentemente un convite ao BNG para manter unha nova conversa sobre un eventual acordo eleitoral. A formación frentista mostrou a súa disposición a falar, mais ao tempo deixou claro que en nengún momento contempla o acordo con forzas políticas que teñen o seu centro de decisión en Madrid.

A proposta de "fronte ampla non excluínte" non ten atopado apoios entre as formacións do soberanismo de esquerdas de Galiza, Euskadi e Catalunya.

A militancia de Anova terá que tomar a súa decisión cando aínda están abertas as feridas no seo de AGE pola xestión do asunto David Calviño-Carme Iglesias Sueiro, a polémica producida arredor do escano de Ourense após a decisión de aquel de abandonar o Parlamento e de esta de asumir a acta contra o criterio quer das direccións de EU quer de Anova.

A folla de rota acordada pola Coordenadora nacional de Anova inclúe tamén un proceso de debate do que resultará a aprobación dun programa base, para alén do modelo de coligación, para o que prevén convocar unha Conferencia política a finais do vindeiro mes de xaneiro. 

Comentarios