Anova solidarízase co “pobo grego” e di que Galiza fai parte das “maiorías populares do sur”

A formación liderada por Beiras emitiu un comunicado após se confirmar que Grecia se ve abocada a anticipar as eleccións ao 25 de xaneiro.

Para Anova, Grecia é o “primeiro escenario da batalla” que “tras decadas de apropiación polo neoliberalismo do termo Democracia” enfrenta o “capital” coas “maiorías populares do sur europeo”, das que Galiza, subliña, fai parte.

A organización integrada en AGE cualifica de “pura chantaxe mafiosa” o facto de o Fundo Monetario Internacional ter decidido FMI suspender “as axudas a Grecia” até a “celebración das eleccións anticipadas”.

“Dende Anova queremos mostrar a nosa solidariedade co pobo grego e expresarlle o noso apoio para que exerza en liberdade –na liberdade dos non aferrollados pola dependencia económica– a súa soberanía”, lese no comunicado de imprensa da formación liderada por Beiras.

Anova preanuncia un “bombardeo mediático” nas próximas semanas visando amedrontar o pobo grego e co obxectivo de prexudicar as espectativas eleitorais de Syriza, actualmente ao fronte de todas as enquisas coñecidas.

Comentarios