En Marea daralle "as máximas facilidades" a Podemos

Anova saúda timidamente a inclusión de Podemos en En Marea

O partido liderado por Xosé Manuel Beiras non se pronunciou a respeito da inclusión de Podemos en En Marea até pasadas 12 horas desde o anuncio realizado por Pablo Iglesias. Anova saudou timidamente nun chío a entrada da formación morada na candidatura ás galegas.

En Marea Luis Villares Beiras coordenadora
photo_camera Membros da coordinadora de En Marea, entre eles, Beiras

“Porque En Marea cabemos todas, en pé de igualdade. #TodasXuntasPodemos. Benvidxs! A traballar para desaloxar a Brigada de Demolición!”. Así saudaba Anova a entrada de Podemos na Marea. Facíao máis de 12h após o anuncio de Pablo Iglesias vía Twitter. Precisamente, a raíz do anuncio de Iglesias –que tivo lugar pouco antes das 23.30h deste sábado-, comezaron a xurdir nas redes sociais todo tipo de reaccións, a maior parte delas positivas.


Horas após o anuncio chamaba a atención o silencio por parte de Anova, que non se pronunciara ao respeito nin como organización nin a través dos seus portavoces. Fronte ao entusiasmo suscitado entre a Marea Atlántica e IU, non foi até este sábado ás 12h cando o partido de Xosé Manuel Beiras lle daba a benvida a Podemos vía Twitter. A conta de Beiras en Twitter limitábase a rechiar a mensaxe lanzada por Anova.

Outras reaccións

Unha das primeiras en reaxir á noticia era Alexandra Fernández, quen apuntaba en Twitter perto das 2h da madrugada que “primou o importante: sumar unha maioría para mudar as políticas do PP e facelo dunha forma democrática e en pé de igualdade. Hai Marea!”. Antón Sánchez pronunciábase ás 8h cun “xa está. Agora a mirar para adiante. Galiza merece outro goberno. #Unhamareaparaunpais”, mentres que Martiño Noriega facía o propio pasadas as 9h, “Impulsamos un espazo de unidade popular en pé de igualdade para mudar o noso país. #HaiMarea #MedreOMar #BoDía”.

O candidato á Presidencia da Xunta da Marea, Luís Villares, reaxía dos primeiros antes de chegar a medianoite. Facíao coa seguinte reacción: “A Marea á altura da xente deste País, unida e solidaria nun proxecto de xustiza social”.

En Marea daralle as “máximas facilidades” a Podemos

Pola outra banda, antes de participar na reunión da coordinadora de En Marea, Xulio Ferreiro, membro da Marea Atlántica e alcalde da Coruña, comparecía diante da prensa para analizar a incorporación de Podemos a En Marea. Sinalou que “os tempos apremian” pero que se lles dará “as máximas facilidades” aos membros de Podemos para que participen do proceso “en pé de igualdade” e que “non haxa ningunha desvantaxe a causa dese achegamento máis tardío que o resto”.

Xulio Ferreiro destaca o papel desenvolvido por Pablo Iglesias e por Echenique

Ferreiro cualificou de “valente e xenerosa” a decisión do partido morado e referiuse de “maneira especial” a Echenique e a Iglesias.

Sobre as primarias, explicou que a coordinadora de En Marea analizará como introducir o proceso de primarias de Podemos ou como unir ambos os dous, amais de decidir de se mantén só unha candidatura á Presidencia da Xunta ou non. A este respeito na mañá do sábado coñeceuse que o ex senador José García Buitrón non concorrerá como aspirante a presidir á Xunta.

Comentarios