Anova resolve hoxe a incógnita europea condicionada pola decisión de Beiras

Dos once posicionamentos públicos a respeito do referendo deste 23 de febreiro, sete decántanse pola coligación de forzas nacionalistas de esquerda; tres optan por ir na candidatura de Izquierda Unida; e un último opta por non concorrer aos comicios do 25 de Maio. Canto peso terá a escolla de Beiras?

anova
photo_camera [Imaxe de arquivo: SG]


Chegou o día. A militancia de Anova-Irmandade Nacionalista está chamada este domingo 23 de febreiro ás urnas para escolleren a man da cal irán a Europa. As opción son tres: 

  1. integrarse na candidatura promovida por Izquierda Unida a nível estatal 
  2. conformar unha coligación con forzas políticas nacionalistas de esquerda das nacións sen estado e/ou plataformas cívico-políticas da esquerda rupturista
  3. non concorrer

 

Beiras aposta na esquerda feredal

Comecemos polo final: Beiras. Nun documento de catro páxinas, sostén que o seu voto irá parar á opción 1) porque neste momento prioriza a cuestión 'esquerda rupturista' sobre a cuestión 'nacional', xa que "non albisco outra dinámica que non sexa a da esquerda rupturista para avanzarmos na emancipación nacional dun povo, como é o noso, que non ten hoxendía unha potencia endóxena de ofensiva cara á independencia análoga/comparábel á de Catalunya ou Euskal Herria".

O certo é que non é a primeira vez que Beiras pon o acento na, ao seu xuízo, incapacidade da Galiza para acceder á independencia. Así, malia que o 15 de xullo de 2012, no discurso que pronunciou para clausurar a asemblea constituínte de Anova, Beiras deu por "instaurada a primeira república galega independente" porque "só desde a independencia se pode ser solidarios", as prioridades do veterano líder mudaron após selar a coligación con Esquerda Unida. 

"O que hai facer é acrecentar o nivel de conciencia da identidade e dos dereitos como pobo dos galegos. Pero dar o salto de levar ao Parlamento unha declaración de soberanía cando temos un PP de maioría absoluta, e cun respaldo electoral que ninguén nega, pois iso pareceme quizais non suicido, pero un erro monumental", dixo o histórico político nunha entrevista na Radio Galega concedida nos primeiros días de 2013, só seis meses despois daquela asemblea constituínte en que a independencia da Galiza era a única maneira de "ser solidarios". 

Pois ben, retomando este posicionamento, Beiras relata un encontro recente, a sexta feira pasada, cun membro da dirección estatal de IU. Na reunión, Izquierda Unida proponlle a Beiras "participarmos nunha coalición a nivel de Estado" e que o número un galego na listaxe de IU a Europa --ao ser unha elección de circunscrición estatal só pode haber unha candidatura, non unha por territorio-- sexa un integrante de Anova e non de Esquerda Unida. 

O sector crítico de Martiño Noriega tamén se decanta por IU

A mesma opción escollida por Beiras é partillada polo sector crítico liderado por Martiño Noriega. "Entendemos que todo o que non sexa a opción 1 do referendo inhabilita a posibilidade de reeditar AGE no vindeiro proceso electoral e dificulta ao límite as posibilidades de obter unha presenza galega nesa nova internacional dos agredidos que está a agromar no espazo europeo".

Con todo, "reeditar AGE" non é posíbel. Unha das organizacións políticas que a integran, Equo, concorrerá ás europeas canda Compromís. Iso por unha banda. E, pola outra, Anova iría integrada nas listaxes de IU a nível estatal. Un dos documentos achegados pola militancia explica que o acordo do cal fala Beiras pasa por que un ou unha candidat@ de Anova vaia de nº5. 

Militantes vinculad@s aos movementos sociais reclaman non concorrer

Ampáranse no exemplo da CUP --que aínda teñen pendente decidir se concorren ou non ás eleccións-- e defenden que "tendo representación en numerosos concellos e no Parlament de Catalunya veñen de xeito reiterado negándose a participar nestas eleccións por distintos motivos sen que esta postura teña mermado a súa implantación e respaldo social". 

Sosteñen que "participar neste proceso sería aceptar as falsas democracias" e que "participar no xogo político para esar só no xogo electoral é converternos nun partido máis do modelo que queremos derrotar".

O núcleo de dirección decántase pola fronte ampla

O sector que lideran Luís Eyré e Mario López Rico defende o voto para a opción 2) porque "a escolla por ir integrados na candidatura da esquerda federalista que representa IU é a opción máis afastada dos nosos principios e impedirá a consolidación de Anova como a organización da esquerda nacionalista". 

No escrito pendurado na web da formación política, reiteran que reeditar AGE non é posíbel porque EU rexeitou facelo para non concorrer ás europeas en competencia con IU.

Por tanto, a opción 1) para estes dirixentes de Anova -que até agora contaban co apoio de Beiras- sería ir nunha listaxe española. A mesma opción defendeuna o comisionado de propostas programáticas, Carlos Méixome, nunha carta enviada á militancia e á cal tivo acceso Sermos Galiza.

Máis documentos achegados pola militancia

En total, son 10 os textos pendurados na web de Anova con posicionamentos de cara ás europeas e que se completan coa devandita carta de Méixome.

Comentarios