Día da Patria Galega

Anova reivindica "a república como aposta e Galiza como centro"

Anova apelou no seu acto político, convocado con motivo do Día da Patria Galega, a abrir “un tempo novo”, de xustiza, de igualdade plena e de esperanza". Desde o parque de Galeras, o seu portavoz, Antón Sánchez, reivindicou “A república, como aposta e Galiza, como centro".
0922aab4-0ada-487c-b45f-94f882a4601e
photo_camera [Imaxes: Anova]

anova 1“Chove en Compostela. Isto con Martiño [Noriega, ex alcalde da cidade] non pasou”. Así comezaba a súa intervención no acto convocado por Anova con motivo do Día da Patria Galega, no parque compostelán de Galeras, o seu portavoz nacional, Antón Sánchez. Facíao para, a continuación, criticar o actual rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, por “prostrarse diante do poder eclesiástico”.

A participación de Bugallo nos actos de ofrenda ao apóstolo, en que actuou como delegado do rei de España, serviulle a Sánchez para cargar contra un PSOE utilizado “como arma interesada polos poderosos” para quitarlle poder ás mareas municipais.

“A xustiza aínda non é lei”, salientou o portavoz de Anova, que dixo querer “un futuro de igualdade e liberdade para Galiza”. Unha Galiza, engadiu, “que rache co decenio negro de Feixoo”. Diante dun público en que se atopaban Martiño Noriega e Xosé Manuel Beiras, Sánchez apelou a ollar cara ao futuro “sen medo e con esperanza” e exemplificou, de seguido, que a crise non rematou. “Salarios de miseria”, “espolio cotián” e a situación de quen resisten “coa pensións dos seus avós” servíronlle para debuxar a radiografía da Galiza actual.

Anova reclama "un tempo novo, de xustiza, de igualdade plena e de esperanza"

As reformas laborais que “impuxeron o PP e o PSOE”, a falta de liberdade dos pobos para decidiren o seu futuro e o autogoberno e soberanía foron outros dos temas que tocou o portavoz nacional de Anova, que se mostrou especialmente duro co presidente galego. “A Xunta non pode ser un espazo privatizado do PP”, advertiu, para reclamar “un tempo novo”, de xustiza, de igualdade plena e de esperanza.

Temos que abrir un tempo novo, continuou Sánchez, para poñer a economía ao servizo do ben común. Unha economía, agregou, pensada e centrada nas persoas. Foi entón cando aludiu á “Lei de Depredación”, albo de iniciativas presentadas por el mesmo no Parlamento de Galiza. Nese proceso de “venda de Galiza a cachos”, citou os casos de Ence -de quen denunciou as “portas xiratorias”- e o da mina de Touro e acusou PP e PSOE de “beneficiar o capital estranxeiro”.

O presidente das cero transferencias

A sanidade pública tamén estivo presente na intervención de Sánchez, que reclamou soberanía para Galiza, presidida por un Feixoo “ao que lle sobra todo o conquistado durante anos”. Non por acaso, sinalou, en dez anos de goberno non solicitou ningunha transferencia de competencias.

Anova chama a "petar no corazón das galegas e galegos"

anova 3“A república, como aposta e Galiza, como centro”, reivindicou o portavoz de Anova, que animou o público a “petar no corazón das galegas e galegos” e a camiñar cara á república. Non esqueceu a igualdade, “a nosa bandeira”, nin o poder da esquerda como transformadora social. “Precisamos o traballo e a intelixencia dos homes e mulleres de Anova”, arengou Sánchez, antes de concluíu cun “Viva Galiza Ceibe. Viva a República Galega”. O acto político fechou coa reprodución do Himno Nacional e cun xantar de confraternidade.

Antes de Sánchez tomara a palabra Iria Otero, responsábel de Organización de Anova e concelleira en Teo. Lembrou, na súa quenda, que o 25 de Xullo foi “a data elixida polas Irmandades para celebrar o Día da Nación Galega”. “Como organización política de irmandade e nacionalista, reivindicamos Galiza como nación, o dereito á autodeterminación e o carácter republicano e fraterno desa república”, subliñou, para despois poñer de manifesto, con exemplos, o traballo das mareas municipalistas á fronte de concellos como os de Teo.

Comentarios