Anova reitera que non vai ser “apéndice de ningunha iniciativa estatal”

O deputado e coordenador da formación, Antón Sánchez, considera que son tempos de “unidade popular” e non de se centrar na “reunificación do nacionalismo”.

Antón Sánchez [Imaxe: AGE]
photo_camera Antón Sánchez [Imaxe: AGE]

Antón Sánchez, deputado de AGE e coordenador de Anova, reiterou nesta segunda feira a aposta na“acumulación de forzas de esquerda” cara ás eleccións xerais, unha cita que vai decorrer nunha “situación social de emerxencia”. Para Sánchez, a candidatura galega para eses comicios debería de se artellar para dar cabida “a un gran abano de xente” á vez que quixo deixar claro que Anova non quer “ser apéndice de ninguna iniciativa estatal”. Unha afirmación que se produce após as xuntanzas e converas -formais e informais- que este partido tivo nestas semanas con organizacións como Podemos.

O coordenador deste partido considera que hai que camiñar “no proceso de acumulación de forzas que se deu nas municipais coas marés”, que tomaría forma nunha “candidatura de unidade popular en base a un acordo de mínimos e feita desde abaixo”. A “reunificación do nacionalismo galego” non é unha cuestión para centrarse agora, pois a xente, afirmou, aposta na “unidade”.

Comentarios