Anova quer fechar o debate "constituínte" na súa II Asemblea Nacional

A organización política desenvolverá o seu cónclave os días 11 e 12 de outubro no que elixirán @s integrantes da nova Coordenadora Nacional.

Anova

Anova-Irmandade Nacionalista enfronta esta fin de semana a súa II Asemblea Nacional. Unha dupla xornada de debate e traballo na que aprobar os textos políticos e organizativos da formación que lidera Xosé Manuel Beiras, mais na que tamén visan dar por rematado o "proceso constituínte". 

Así se expresou na presentación pública da cimeira o actual coordenador nacional, Martiño Noriega, quen acompañado pola secretaria de organización, Esther Duro, debullou cales serán os puntos a tratar na asemblea e o lema da mesma. 

Baixo o epígrafe 'Coa nación na esquerda. Tecendo rede', a militancia de Anova deberá definir a folla de rota a seguir mais tamén as persoas que conformarán os órgaos de dirección durante esta nova etapa. 

Dous proxectos confrontados

O punto forte do cumio vén marcado pola confrontación entre os proxectos que representan, dunha banda, o propio Martiño Noriega e doutra, a militancia máis crítica organizada en Cerna. Un choque de ideas que Noriega definiu como o debate en que "o novo non acaba de emerxer e o vello non remata de desaparecer". Dúas formas de concibir a organización e, no concreto, o nacionalismo.

En troca da postura de Noriega --que defende o mantemento da fórmula AGE-- @s de Cerna aseguran que manter a coligazón con Esquerda Unida supón abandonar o "proxecto fundacional" de Anova. Un feito que para o sector maioritario, actualmente, nos órgaos de dirección supón adoptar "unha posición case excluínte e de non convivencia". 

Cerna rexeita manter a coligazón con Esquerda Unida en aras do "proxecto fundacional" de Anova mais o sector de Martiño Noriega defende afondar na fórmula da 'fronte ampla'

Nese senso a Asemblea Nacional servirá para "fixar posicións", como explicou o propio Noriega en comparecencia de imprensa, e dar saída a unha confrontación de pareceres que se acumula desde a I Asemblea, mais sobre todo, desde o referendo interno convocado con motivo das eleccións europeas. 

Do conclave sairán tamén eleitos os novos órgaos de dirección. A Coordenadora Nacional (174 candidaturas para 75 postos) mais, tamén, a Comisión de Ética e Garantías, outro dos aspectos que se prevén máis conflitivos, habida conta que a militancia --máis dun milleiro de persoas-- terá que pronunciarse a respeito da expulsión de compañeir@s. 

Beiras propón unha portavocía "partillada"

Aliás, a asemblea deberá elixir se muda ou non a actual fórmula da súa portavocía. Neste senso, Martiño asegurou que a "vontade" de Xosé Manuel Beiras é a de crear unha fórmula partillada. Cumpre lembrar que o portavoz de Anova, e deputado no Pazo do Hórreo, avanzou que aminorará o ritmo de traballo e presenza pública por mor da súa saúde. 

Comentarios