Anova preguntará á militancia con quen quere concorrer ás europeas

A Coordenadora Nacional ten convocadas dúas xuntanzas: o 27 de novembro este órgano posicionarase sobre a posíbel entrada de Carme Iglesias (EU) no Parlamento; o 14 de decembro, sobre os comicios europeos.

photo_camera [Imaxe: Riobó Prada]


Anova, a formación política que lidera Xosé Manuel Beiras, preguntará de maneira "directa" á militancia con que organizacións quen estabelecer un acordo face as eleccións europeas que se celebrarán o 25 de Maio de 2014. Así o sinalan nun comunicado pendurado na súa páxina web, onde informan de que foi este un dos acordos adoptados na xuntanza que mantivo a Permanente esta fin de semana.

O pacto para os comicios europeos será o punto central a tratar na reunión da Coordenadora Nacional que foi convocada para o 14 de decembro. Para daquela, a militancia xa terá emitido o seu posicionamento a respeito da lea interna que carrexou a saída do deputado David Fernández Calviño do Parlamento Galego para marchar a Dinamarca traballar na investigación.

A máis que probábel entrada da número dous de AGE por Ourense, Carme Iglesias Sueiro, na Cámara en substitución de Calviño será analizada noutra xuntanza da Coordenadora Nacional que foi fixada para o 27 de novembro. Iglesias Sueiro (EU) negouse a entregar a acta para deixar paso á número dous na listaxe, Iolanda Pérez Docampo (Anova), polo que a súa chegada ás bancadas de AGE --podería tomar posesión tamén como non-adscrita-- deixará a coligación desequilibrada en prexuízo de Anova. Xa con Calviño tiñan catro deputad@s fronte a cinco de EU, e agora quedará con tres.

A respeito das europeas, Beiras mantivo contactos co resto de forzas que fan parte de AGE --EU, Espazo Ecosocialista e Equo--, mais tamén con BNG, ERC ou Bildu. Nesas conversas, o BNG fixo patente a súa posición contraria a pactar con forzas de obediencia española. Pola súa banda, a coordenadora nacional de EU, Yolanda Díaz, dixo nunha entrevista en Sermos Galiza que a súa formación "respectaría" que Anova escollese ir da man con organizacións nacionalistas.

Comentarios