Anova podería abandonar Ourense en Común

A formación avaliará a súa continuidade ou saída do movemento político logo da retirada de Podemos, CxG e Iniciativa por Ourense.

Ourense en común
photo_camera [Imaxe Ourense en común]

Ourense en Común continúa remexéndose após a anulación do proceso de primarias que rematou coa convocatoria dunha nova votación fixada para o 11 de abril. 

Porén, antes de se producir, unha das formacións que integran este movemento político xurdido cara ás eleccións municipais de maio, podería darse de baixa. E é que Anova analizará nunha asemblea convocada para esta cuarta feira (8 de abril) ás 20h se continúa ou non en Ourense en Común. 

Segundo o voceiro de Anova, Alfonso Diz, na formación "hai xente moi desgustada" polo decorrer dos acontecementos no seo da maré. Porén, Diz afirma que "verán todas opcións, desde a continuidade até a saída". 

Anova decidira o 19 de febreiro de maneira unánime non presentar candidatura propia aos comicios de maio e apoiar Ourense en Común. No entanto, nos últimos días diversas persoas manifestaron a súa vontade de revocar tal acordo. 

Pola súa banda, o ex-candidato de Ourense en Común á alcaldía, Xosé Mosquera, xa manifestou a vontade da súa formación a coligarse con Anova da que dixo é "chave".

Comentarios