Anova asegura que aposta para as locais por candidaturas “populares e de base cidadá”

O coordinador da formación, Martiño Noriega, asegura que queren “participar para sumar, especialmente neste intre histórico no que as estruturas partidarias tradicionais están sendo sobardadas”. Convocan un acto político en Mazarelos o 25 de Xullo.

anova
photo_camera anova

A Coordinadora Nacional de Anova reuniuse en Teo, onde aprobou unha proposta de posicionamento de cara ás vindeiras eleccións municipais que será enviada para o seu debate ás  asembleas territoriais e na que apostan “porque a organización apoie, participe e de ser necesario promova, en congruencia coa súa orixinaria proposta para a confluencia da esquerda rupturista social ou política, candidaturas de unidade popular/cidadá ou agrupacións de electores/as nas localidades, que sexan resultado de procesos democráticos, asembleares e participativos desde a base”.

Segundo o Coordinador Nacional da organización, Martiño Noriega, “Anova está disposta a xogar nun campo nubrado como sempre fixo. Non sabemos como vai ser, pero queremos participar para sumar, especialmente neste intre histórico no que as estruturas partidarias tradicionais están sendo sobardadas”. Noriega xa ten anunciado que non se presentará á relección como alcalde de Teo, onde foi elixido dentro da lista do BNG.

Actos do 25-X

Asemade, Anova tamén anunciou a convocatoria dun “acto político aberto” o Día da Patria Galega, que terá lugar na Praza de Mazarelos de Santiago de Compostela pola mañá e que continuará cun convivio “de irmandade” no Parque de Belvís pola tarde. Desenvolverán con anterioridade ao 25 de Xullo un “Foro pola quebra democrática e o dereito a decidir”.

Comentarios