Anova chama a concentrar o voto na defensa da democracia e da soberanía nacional da Galiza

A organización liderada por Martiño Noriega avanza que “ten decidido participar" nas eleccións galegas de 2024.

Martiño Noriega, voceiro nacional de Anova, o pasado 16 de maio na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Martiño Noriega, voceiro nacional de Anova, o pasado 16 de maio na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A formación política Anova-Irmandade Nacionalista trasladou esta segunda feira o seu balanzo dos resultados obtidos polas candidaturas do espazo municipalista nos comicios do pasado 28 de maio. Na xuntanza da Coordinadora Nacional que decorreu este domingo 4 de xuño, Anova avaliou os resultados das eleccións municipais do pasado 28-M, así como a convocatoria dun novo proceso electoral no Estado o vindeiro 23 de xullo.

A nova permanente escolleita en setembro de 2022 marcou como obxectivos da formación nos últimos meses a “posta en valor da organización para o combate político, o acompañamento dos movementos sociais en defensa do territorio, a cultura e os servizos públicos, así como o apoio ás candidaturas municipalistas espalladas polo país adiante”.

“Quero enviar unha mensaxe de agradecemento polo traballo e os resultados das máis de 30 candidaturas municipalistas que hai uns días acadaron representación nas súas localidades e que terán a posibilidade de ostentar Alcaldías ou condicionar algúns gobernos de esquerda en varios Concellos do país. Elas son a constatación da existencia dun espazo político na Galiza sen representación no parlamento galego que precisa tecerse desde o local, o soberanismo e a República das máis para construír unha alternativa de esperanza, na liña do horizonte das vindeiras eleccións autonómicas do 2024 nas que Anova ten decidido participar”, sinalou o voceiro nacional da formación, Martiño Noriega.

“Responsabilidade e xenerosidade”

Segundo Anova, o traballo a realizar no vindeiro ano non pode agochar a emerxencia dun presente “condicionado pola posibilidade dun Goberno no Estado español da dereita e os ultras a partir do próximo 23 de xullo”. Diante disto a formación política, que non concorrerá con candidatura propia a estes comicios por unha cuestión de “responsabilidade e xenerosidade”, entende como necesario facer un chamado a concentrar o voto antifascista “na defensa da democracia, os nosos dereitos sociais e a soberanía popular e nacional de Galiza”. 

Non é un momento para as equidistancias, os cálculos electorais ou as vitorias de parte que agochan unha posible derrota de todas. Estamos a tempo de evitar un goberno do PP e de Vox que instale ao noso país nunha longa noite de pedra”, afirmou Noriega.

Anova, que celebrará unha nova Coordinadora Nacional dentro de dúas semanas, encetará unha serie de contactos co espazo municipalista, os movementos sociais e outros espazos políticos para intentar “mobilizar e sensibilizar á cidadanía consciente da necesidade de participar nun momento tan relevante da nosa historia recente”.

 

Comentarios