MARTIñO NORIEGA

“Anova non está para disputar un 5 ou 10% electoral senón para facer unha política diferente”

O co-portavoz de Anova recoñece que a formación “pagou un prezo” nestes dous anos de vida e apuntou a vocación da Irmandade Nacionalista de “participar nas marés”.

anton martiño anova age

O co-portavoz de Anova e o co-responsábel de Coordenación da formación, Martiño Noriega e Antón Sánchez, compareceron ante os medios para presentar a nova Permanente da Irmandade Nacionalista emanada da II Asemblea Nacional. Noriega explicou que por Anova “non vai quedar que haxa goberno alternativo a Feijóo” e falou da necesidade de traballar cara á “acumulación de forzas", se ben tamén afirmou que “non todo val para botar a Feijóo””. Unha acumulación con “outras sensibilidades”, como Podemos ou movementos da cidadanía. Esa acumulación asentaríase, dixo, nun un programa de ruptura, un programa que representa á maioría social , aos de abaixo" e no que "que as organizacións políticas, sexan ou non nacionalistas, respeten a auto-determinación".

Martiño Noriega aclarou, Anova “non está para disputar un 5, un 8 ou un 10 por cento electoral senón para facer unha política diferente”. A finais de ano realizarase unha conferencia nacional sobre as municipais, se ben Noriega xa ten afirmado que en Anova hai vontade de “participar nas marés” mais sen “tutelas” dixo. O alcalde de Teo recoñeceu que estes dous anos de Anova foron “convulsos” e que a formación tivo que pagar un prezo “por estar aquí”.

Punto e final a “soliloquios”

Para Martiño Noriega, é o momento de que Anova abandone “o soliloquio” e se “instale nun diálogo real coa cidadanía”, en referencia ás convulsións internas que viviu a formación. Declinou entrar en valoracións sobre a marcha de Chelo Martíñez do grupo parlamentar se ben dixo que “o tempo pon a cada quen no seu lugar”.

Catalunya

A respecto da consulta de Catalunya, Antón Sánchez (que estivo alí o domingo) loou todo o proceso, destacando a participación e a organización. Criticou a aqueles que atacan o proceso porque o que teñen “é medo” a que se rompa co réxime.

Comentarios