Eleccións

Anova mantén aberta a posibilidade de confluír con Podemos e EU

Eva Solla asegura que "aínda hai esperanza" para pechar unha candidatura conxunta do espazo político.
Antón Sánchez e Martiño Noriega (Nós Diario).
photo_camera Antón Sánchez e Martiño Noriega (Nós Diario).

Anova e as mareas municipalistas lideradas por Compostela Aberta e Marea Atlántica están centradas en valorar se aínda hai posibilidade de chegar a un acordo dentro do seu espazo político, é dicir, con Podemos e Esquerda Unida, que semellan ter clara a súa concorrencia conxunta baixo o paraugas Galicia en Común ás eleccións do vindeiro 5 de abril.

Se este pacto non chega antes da medianoite desta sexta feira, as formacións soberanistas e municipalistas non descartan presentarse igualmente aos comicios galegos. Mais esa fórmula non está aínda deseñada e, segundo puido saber Nós Diario, nesa candidatura poden integrarse persoas de En Marea a título individual.

Solla di que os "nomes" non son a "dificultade"

Pola súa parte, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, negou onte que "os nomes" sexan o principal escollo á hora de alcanzar un acordo con Anova para concorrer conxuntamente ás eleccións.

Solla expresou que confía en que se peche unha candidatura unitaria antes do vencemento do prazo para o rexistro de coalicións, que se pecha na madrugada da sexta feira. "Non temos moita marxe e iso fai que sexa necesario un exercicio de máis xenerosidade por parte das organizacións", apuntou a cabeza de lista de EU para as eleccións galegas, aínda que o seu posto final, do mesmo xeito que a candidatura, está aínda por definir.

Segundo  Solla, o debate ao redor da candidatura non radica "nos nomes" porque, di, "ninguén" o expuxo deste xeito. "Os nomes non van xerar ningunha dificultade", apostilou, para a continuación manifestar que o obxectivo é "asentar" o "traballo" que desempeña Galiza en Común no Congreso "co que acheguen o resto de organizacións". Após apelar que "non sobra ninguén" no "proxecto", Solla apuntou que "aínda hai esperanza" de alcanzar un acordo de coalición que evite a división do espazo político nas urnas. 

Comentarios