APRESENTARáN UN DOCUMENTO POLíTICO A VINDEIRA SEMANA

Anova, EU e Podemos poñen como referencia "os espazos de confluencia" das municipais

Fraseoloxía de Pablo Iglesias e teses beiristas dan corpo a un primeiro comunicado conxunto de Anova, Podemos e EU. No plano eleitoral din estaren dispostos a falar con "moitos outros actores".

anova-crop

Anova, Podemos e Esquerda Unida asinan un comunicado conxunto no cal recoñecen que están traballando “para tratar de chegar a un marco de acordo político dende o que construirmos en común con outros actores”. Salientan que, como partidos o seu papel é o de “facilitar a unidade popular” e reiteran o xa dito noutras ocasións: que nas eleccións cara ás xerais hai 3 alicerces básicos a ter en conta: as mareas, os partidos da esquerda rupturista e “as iniciativas cidadás, plataformas e demais axentes”.

Anova, IU e Podemos manifestan no comunicado conxunto que froito desas conversas “estamos a traballar nun preacordo de carácter político, non electoral, por canto entendemos que existen moitos outros actores cos que construír unha alternativa electoral concreta”. Porén, engaden, “cómpre antes chegar a acordos en clave política para definir os obxectivos”.

O comunicado mestura a fraseoloxía de Podemos coas teses de Beiras sobre os tres "piares" da ruptura, mais está orfo de referencias á cuestión nacional galega

O dito preacordo “está a ser socializado como posíbel punto de partida cos principais actores sociais e políticos que, ao noso entender, poderían construír colectivamente unha alternativa para acadar os anteditos obxectivos. A nosa intención é a de, unha vez feito isto, presentar publicamente os termos do documento político a vindeira semana”.

A confluencia das municipais

O marco no que se move esta sorte de confluencia entre AGE e Podemos é o da converxencia experimentada nas municipais, isto é, o modelo das mareas. "Queremos aclarar que entendemos este preacordo como un novo chanzo na conformación dun espazo amplo, rupturista e plural para o rescate da democracia, ruptura co réxime do 78 e a mudanza das políticas, mais sempre co ollar posto na referencia que constitúen os espazos de confluencia que mudaron o panorama de moitos concellos galegos o pasado 24M", afirman.

A fraseoloxía do comunicado remesado aos meios é a característica de Podemos -"unidade popular" , "cidadanía activa", "esquerda rupturista e de cambio", mesturado coa tese beirista de que as forzas da mudanza teñen tres "piares", a saber, as mareas, os partidos "da esquerda rupturista" e as "iniciativas cidadás, plataformas e demais axentes".

Non hai, en troca, nen unha soa alusión ao dereito a decidir da nación galega.

Comentarios