Anova explora sumarse a unha mobilización unitaria o Día da Patria

A Irmandade Nacionalista avanzou que abrirá “conversas cos diferentes partidos e persoas” -que convocan tradicionalmente os actos- “para coñecer as posicións e valorar a vontade de participar nun 25 de xullo no que o protagonista sexa a cidadanía que integra a nación galega”


Anova explora sumarse a unha mobilización unitaria no Día da Patria. A Coordinadora Nacional da irmandade nacionalista aprobou este sábado apoiar unha convocatoria nacional “polo pobo galego”, sempre que as organizacións participantes “deixen un lado as súas siglas para ceder o protagonismo ao estrato cidadán no sentido amplo”, segundo informaron en nota de prensa. 

A Irmandade Nacionalista avanzou que abrirá “conversas cos diferentes partidos e persoas” -que convocan tradicionalmente os actos- “para coñecer as posicións e valorar a vontade de participar nun 25 de xullo no que o protagonista sexa a cidadanía que integra a nación galega”. Apostan porque sexa esta quen decida o lema, a cabeceira e as intervencións finais da mobilización. 

No mesmo sentido pronunciouse o Bloque Nacionalista Galego este venres, que chamou a apoiar as propostas saídas do tecido social por un Día da Patria que sume a todo o nacionalismo, “organizado e non organizado”, en torno á defensa de Galiza como nación. 

A posición nas xerais, o 11 de xullo

Por outras banda, a Coordinadora Nacional de Anova convocou para o próximo 11 de xullo unha Conferencia Política Nacional para decidir as liñas políticas da organización cara as eleccións xerais. 

“Anova entende que os anteditos comicios deberían significar o desenlace do actual proceso deconstituínte para, como consecuencia, camiñar co horizonte posto nun novo proceso constituínte”, apuntan. 

Recordan que decisión irá en consonancia co proxecto estratéxico definido na constitución da Irmandade en 2012, que xira sobre dous eixos: a construción dun suxeito político soberano para Galiza e a recuperación de políticas de esquerda para a maioría social.

Comentarios