Anova, EU e Podemos defenden o seu acordo como un chanzo no proceso de confluencia

Breogán Riobóo, Yolanda Díaz e Xosé Manuel Beiras presentaron o texto como "inclusivo" e "aberto" para se sumaren outros "actores".

Presentación preacordo político
photo_camera Imaxes da presentación

Anova, Esquerda Unida e Podemos presentaron publicamente o pre-acordo político alcanzado polas tres formacións de cara á configuración dunha candidatura unitaria ás vindeiras eleccións españolas. "Este acordo non é para nós, é para vós", sinalou Yolanda Díaz (EU) interpelando á "cidadanía" á que instou a o "emendar". 

"Somos un actor" da "confluencia", porén "hai máis", acrecentou Xosé Manuel Beiras (Anova) quen emprazou as persoas presentes no acto decorrido na compostelá Praza de Mazarelos a seren "mensaxeiros e mensaxeiras" dos "auténticos contidos e finalidades" recollidos no documento para o remitiren a aqueles "outros espazos" que están, enfatizou, a prol de que Galiza sexa "suxeito soberano" nos comicios ás Cortes españolas. Neste senso, Beiras referiuse directamente á Iniciativa pola Unión, o outro movemento social que está a pular por unha candidatura galega de unidade aos comicios mais que non foi formalmente convidado ao acto de presentación. 

Acompañad@s por representantes da equipa de goberno da Marea Atlántica, através da concelleira de Igualdade, Rocío Fraga, da Marea de Pontevedra, Luís Rei, dos alcaldes Martiño Noriega (Compostela Aberta) e Jorge Suárez (Ferrol en Común), e da Coordenadora do Encontro Cidadán por unha Marea galega (Marilar Aleixandre e Einés Monteagudo), Podemos, Anova e Esquerda Unida deron a coñecer publicamente o acordo político ao que chegaron de cara ás eleccións do vindeiro 20 de decembro. 

Dereitos sociais, políticos e dereito a decidir

O documento presentado recolle posicións comúns a comezar pola "diagnose" da situación actual así como, os trazos fundamentais do "proceso de confluencia" que visan encetar. "Isto que acordamos plasma a reflexión e o compromiso dos tres asinantes" mais "é inclusivo e aberto", explicou Beiras na súa intervención. "Non é o final nen sequera a consagración da dinámica na que se atopa o proceso de unidade popular". Un feito salientado tamén pola coordenadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, e o secretario xeral de Podemos na Galiza, Breogán Riobóo. "Este acordo ten vocación de abertura e inclusión para todos os actores que queiran sumarse", asegurou este último. 

"Exhorto aos demais a que o lean antes de falar", insistiu Beiras arremetendo contra as críticas ao pre-acordo, que definiu como "pestilencia de focos de opinión". 

"Exhorto aos demais a que o lean antes de falar", insistiu Beiras

Entre os puntos chave do documento atópanse a aposta nos "dereitos sociais e políticos" erosionados por un "sistema de produción e de goberno onde unha minoría privilexiada goberna sobre o 99%", recolle o texto. Xunto coa "defensa dos recursos e bens comúns" através dun "novo marco de relación co ecosistema que nos rodea", o "resgate da democracia" para alén do "esquelete institucional que coñecemos" e o traballo a prol de "procesos constituíntes que, impulsados desde "os diferentes niveis institucionais e políticos do Estado" permitan "á cidadanía, o pobo galego [...] institucionalizar" dunha banda, "a soberanía popular" e, doutra, "o dereito a decidir" das "nacións que conforman o actual Estado español". 

O pre-acordo político é, defenden, un chanzo no camiño para "ocupar a Moncloa" e "sacar a patadas" aínda que "democraticamente" a quen promove "miseria, extorsión e tristura", asegurou Yolanda Díaz. Un elemento para conformar unha "maré social" que recollendo a "forza acumulada" polas candidaturas municipalistas mude "desde a base" o Estado español. "Non se trata de alternancia", subliñou. 

As marés, interlocutor prioritario 

Neste senso, Xosé Manuel Beiras sinalou as marés municipalistas como "interlocutores" cos que coidaban "prioritario falar" e a esas formacións remitiron inciialmente o acordo. Neste senso, a Marea Atlántica através da súa conta oficial en Twitter amosouse "satisfeita" polos "avances que se están producindo para acadar un proceso de confluencia amplo e potente en Galicia" ao tempo que se comprometeu a "pór a nosa experiencia a disposición de lograr a maior suma de forzas e un proceso cidadán radicalmente participativo". 

Xosé Manuel Beiras defendeu na súa intervención a dinámica que están seguir Anova, EU e Podemos através deste pre-acordo político. "Non se entendería que cada un fose polo seu lado" ás eleccións ás Cortes españolas após a experiencia das eleccións municipais através das marés. "As tres forzas decidimos non concorrer ás eleccións e mergullarnos nas marés", dixo, mais "non para meter directrices de partido no proceso". 

Comentarios