Anova, EU e Podemos defenden o “si” de Díaz, Fernán Vello, Gómez-Reino e Rodríguez aos orzamentos

As deputadas e deputados de En Marea no Congreso, agás no caso de Alexandra Fernández, votaron a favor dos orzamentos de Pedro Sánchez malia o mandato do Consello das Mareas. Anova, EU e Podemos apoian o si de Yolanda Díaz, Miguel Anxo Fernán Vello, Antón Gómez-Reino e Ángela Rodríguez en cadanseu comunicado.

en marea congreso
photo_camera As deputadas e deputados de En Marea no Congreso. Á esquerda, Alexandra Fernández, que votou en contra dos orzamentos

Despois de que as e os parlamentares de En Marea no Congreso, agás Alexandra Fernández, desoíran o mandato do Consello das Mareas e votasen si aos orzamentos xerais do Estado, Anova, EU e Podemos pronúncianse publicamente para apoiar o sentido do voto de Yolanda Díaz (EU), Miguel Anxo Fernán Vello (Anova), Antón Gómez Reino e Ángela Rodríguez (ambos os dous de Podemos).

Nun comunicado publicado no seu web, Anova advirte do movemento “sumamente complexo” e apela a situar “os intereses das maiorías sociais e das clases subalternas diante dos intereses partidarios”. “Infelizmente, impóñense posicións incomprensíbeis, que tan só se entenden polo electoralismo extremo e polo regate curto”, engade o partido nunha clara alusión ao decidido polo Consello das Mareas, órgano de dirección da forza política da que forma parte.

Anova salienta o "bo traballo" das deputadas e deputados galegos

Anova foxe da clave orzamentaria para se referir á necesidade de “non sumar en clave antifascista” e poder “frear esta loucura”. “Diante desa ameaza”, advirte en relación a unha posíbel maioría de dereita e extrema dereita no Congreso, “non valen medias tintas”. “Por iso respaldamos a opinión maioritaria dos deputados e deputadas de En Marea no Congreso, electos dentro dunha coalición conformada por Podemos Galicia, Esquerda Unida e a nosa organización”, salienta o comunicado, que pon de manifesto o “bo traballo” das e dos parlamentares de En Marea “realizando emendas parciais e negociando en pé de igualdade co Goberno de Sánchez”.

Anova sinala que se conseguiron compromisos para mellorar os orzamentos mediante 300 emendas de En Marea, “a ministra Montero deu o seu compromiso para a aprobación parcial das mesmas”. “Entendemos que, por parte do Goberno de Pedro Sánchez, non houbo valentía suficiente á hora de poñer a axenda social, a axenda de Galiza e a cuestión dos pobos no centro da axenda gobernamental”, admite o partido encabezado por Antón Sánchez, que considera que “o reparto do orzamento a nivel territorial estivo condicionado por unha posición miope e electoralista”.

Anova conclúe o comunicado apelando “a todas as forzas políticas progresistas, aos soberanismos de esquerda e á esquerda federal e confederal, a recuperar a unidade de acción que mantivemos na moción de censura contra Mariano Raxoi como dique de contención contra a dereita extremada e o fascismo para impedir que se impoña unha axenda ultra de austeridade e de laminación dos nosos dereitos e liberdades”.

EU admite que "o capítulo de investimentos con Galiza está lonxe do proxecto orzamentario óptimo que desexaríamos”

Esquerda Unida, pola súa banda, lembra que o seu obxectivo principal era “traballar por erradicar os escenarios e políticas de recortes sociais impulsados polo goberno anterior do PP”. “O acordo alcanzado hai meses entre o Grupo Confederal de En Marea-Unidos Podemos-Catalunya en Comú e o Goberno para a aprobación do Orzamento Xeral do Estado de 2019 era para nós un camiño correcto nesa dirección”, engade EU, que admite ser consciente de que o capítulo de investimentos con Galiza está “lonxe do proxecto orzamentario óptimo que desexaríamos”. De aí que, sinala, se presentaran máis de 300 emendas ao proxecto de orzamento para “desde a discrepancia, tentar corrixilo no trámite parlamentar”.

“Lamentabelmente, algúns puxeron por diante a política de canto peor mellor tombando hoxe o proxecto orzamentario” por cuestións, advirte, que teñen a ver “con lecturas oportunistas que so poden ser cualificadas de temerarias nun escenario de adianto electoral que a todas luces vai ter un sesgo de rearme da ultradereita no estado español”.

“En Marea no Congreso só se rexe polo acordo político de coalición das tres forzas asinantes”, advirte EU

EU denuncia ademais a “campaña de falsidades orquestrada pola suposta coordinadora de En Marea” –órgano que EU considera ilexítimo–. “En Marea no Congreso só se rexe polo acordo político de coalición das tres forzas asinantes e mesmo este acordo sinala instrumentos de coordinación e diálogo no que tamén participan os deputados e deputadas electas”, afirma, “o acordo de coalición deixa claro e meridiano que as cuestións políticas se dirimen nestes ámbitos e non en ningún outro. En Marea como partido instrumental non existía naquela altura nin é un ámbito da súa competencia os acordos subscritos por formacións políticas preexistentes”.

Podemos Galicia sinala nun comunicado enviado aos medios que mantivo desde o primeiro momento “unha posición clara para facer viábel o cambio apostando nuns orzamentos sociais e comprometidos con Galiza”. “Consideramos exemplar desde o primeiro momento a posición do grupo de En Marea no Congreso como actor clave para acadar os orzamentos máis sociais, progresistas e feministas da historia recente ao tempo que fixeron a maior defensa de Galiza como único axente que plantou cara ao Goberno esixindo un trato xusto coa nosa comunidade”, afirma. 

Podemos salienta o "compromiso" das deputadas e deputados de En Marea

“Desde Podemos Galicia, e desde o grupo de En Marea no Congreso, apostabamos por continuar negociando co Goberno para lograr o mellor acordo para o noso país” pon de manifesto o comunicado do partido, que di non temer ás urnas. “Sairemos a por todas, coa intención de aglutinar unha gran alianza política e social en clave de progreso, que actúe como muro de contención de quen quere atrasar o reloxo cincuenta anos”. Podemos Galicia remata agradecendo “o compromiso co cambio e con Galiza das deputados e deputadas do grupo de En Marea no Congreso que, electos baixo o mandato da Coalición En Marea, conformada por Esqueda Unida, Anova e Podemos Galicia, defenderon os intereses da cidadanía, das maiorías sociais do país fronte á ofensiva conservadora”.

Comentarios