Só HAI UN PREACORDO SOBRE UN "DOCUMENTO EN CHAVE POLíTICA"

Anova esclarece que non chegou a ningún "acordo eleitoral" con Podemos e EU

Ante o aparecimento de diversas noticias que apuntaban a un inminente acordo con Podemos e EU, Sermos púxose en contacto con fontes da dirección de Anova. Na conversa esclareceron que Anova non chegou a "ningún acordo eleitoral"  coa esquerda estatal e que o "preacordo" é só sobre un "documento de tipo político".

Anova2
photo_camera [Imaxe Anova-Irmandade Nacionalista]

"Non hai nen haberá ningún acordo de tipo eleitoral partidario no que estea Anova. Anova non albisca ese escenario. O escenario no que traballamos é un no que o protagonismo sexa partillado entre os partidos, as mareas e a cidadanía. Unha eventual candidatura unitaria ten que partir da interacción deses tres actores e non do acordo cupular entre os partidos", afirmou a Sermos un portavoz da dirección de Anova.

O pre-acordo ao que se referiu Martiño Noriega nunha entrevista na Radio Galega non sería -enfatizaron estas fontes- sobre a fórmula de concorrencia ás eleccións xerais, senón sobre "os obxectivos e as coincidencias políticas e programáticas".

"Ten habido intercambio de documentos [con Podemos e EU] e estase a traballar nun documento conxunto. Estamos a piques de telo", afirman. "É lóxico que Anova se entenda mellor e antes con quen xa comparte grupo parlamentario -en referencia a Esquerda Unida- e con quen ten traballado en espazos de unidade popular nos concellos -en alusión a Podemos. Mais Anova fala e falará con todo o mundo", din, o que deixaría tamén a porta aberta ao diálogo co BNG.

"Nen se falou de marcas, nen de siglas, nen de nada polo estilo"

Os documentos son políticos e non eleitorais, así que -de acordo con estas fontes- non se entrou a dilucidar a forma concreta de concorrencia dunha hipotética candidatura conxunta. "Nen se falou de marcas, nen de siglas, nen de nada polo estilo. Non son os partidos os que teñen que acordar sobre iso. Só se falou en chave política, non en chave eleitoral".

Horizonte de ruptura democrática

O horizonte de ruptura democrática é o norte estratéxico que guía os documentos de traballo sobre os que neste momento se debruzan Anova, Podemos e EU. "O acordo ten que ser sobre ese eixo, sobre os pasos que deben levar a un novo proceso constituínte con Galiza como suxeito soberano", din as fontes consultadas.

Esclarecen, aliás, que o obxectivo non é nen será a "unidade do nacionalismo". "Isto non é ningunha novidade. Xa o fixou Anova na súa Conferencia Política. Non temos como obxectivo a unidade do nacionalismo. O nacionalismo en si mesmo non é ningunha ideoloxía. Hai segmentos de dereita e de esquerda. Estamos neste momento por unha confluencia máis ampla, que trascenda o ámbito do nacionalismo e que teña como horizonte estratéxico a ruptura democrática".

Comentarios