Anova encara a súa primeira asemblea nacional co obxectivo de se organizar e expandir

O encontro decorre esta fin de semana en Compostela baixo o lema 'Unha marea azul e vermella'. Un total de 171 candidat@s apreséntanse para a Coordinadora Nacional. A militancia optou porque esa elección se faga por listas abertas. Un debate non exento de discusión sobre se debían ser listas abetras 'puras' ou con 'corrección'

Asemblea de Anova

O propio Xosé Manuel Beiras afirmaba esta semana na entrevista con Sermos Galiza: “Durante este período Anova adicou moito tempo a falar de si propia. É necesario que agora se catapulte no traballo social”. Esta I Asemblea Nacional que esta fin de semana ten lugar en Compostela procura, en certa medida, artellar, organizar e expandir unha aposta organizativa que até o de agora aínda tiña pendente interrogantes.

A asemblea, o lema é 'Unha marea azul e vermella', arrincou este sábado ben cediño coas acreditacións de asistentes e desenvolverase até a tarde do domingo, cun discurso do portavoz nacional electo que porá o ramo ao encontro. Ao longo destes dous días: debate, convivencia, análises, votacións... A clarificación ideolóxica ou a política de alianzas serán algunhas das cuestións a debate nunha organización que naceu da converxencia de achegas diferentes e variadas: Encontro Irmandiño, Movemento pola Base, a FPG. E @s independentes. Agora procuraríase, como recoñecía un militante, “organizar e expandir este outro nacionalismo posíbel” que entende que significa e representa Anova.

“Non excluínte”

Anova mantén a súa aposta nos textos a debate por unha fronte ampla “no ámbito do nacionalismo e da esquerda non excluínte”, así como as apelacións a traballar por unha “quebra democrática” que conleve un “proceso constituínte galego”

Nos textos valórase de forma moi positiva a aposta en AGE, Alternativa Galega de Esquerdas, á que se ve como unha ferramenta acaída ao momento actual. Mais a política de alianzas non se restrinxe, nen moito menos, a EU. É a xeometría variábel da que ten falado Beiras en máis dunha ocasión (socios diferentes segundo a natureza da cita coas urnas).

Hai 171 candidat@s presentad@s que optan aos 75 postos da Coordinadora Nacional. 55 deses candidat@s optan á reelección, pois xa forman parte dese organismo. Anova di ter arredor de 1.500 militantes.

Decisións

Entre as decisións adoptadas nesta primeira xornada estivo a aprobación de que a elección para a CN farase en listas abertas con corrección de número. É dicir  cada militante poderá marcar unha cantidad máxima de 36 persoas para elexer á CN e @s 75 máis votad@s pasarán formar parte deste órgano. Os e as asistentes á #IANova (HT da asemblea) tamén aprobaron a carta financeira de Anova. E tamén foi aprobado o Informe de Xestión, defendido por Antonio Araúxo, coordinador nacional


 


 

Comentarios