Anova denuncia que Unidos Podemos non contou con ela para lanzar a reforma eleitoral

O portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, dirixiu unha carta a Txema Guijarro, o secretario xeral do grupo confederal en que a formación galega está integrada no Congreso, ben como tamén aos 5 parlamentares de En Marea. Anova considera que a reforma eleitoral concertada por UPodemos e Cs beneficia basicamente o partido de Rivera.

Antón Sánchez, esta mañá, na sede de AGE no Parlamento de Galiza. Foto: Irene Pin
photo_camera Antón Sánchez.

Ninguén da dirección de Unidos Podemos consultou a Anova os termos da reforma eleitoral que a confluencia está a pactar con Ciudadanos, unha modificación da lexislación vixente que, a xuízo da formación liderada por Antón Sánchez, beneficia sobre todo as expectativas de Cs e, aliás, "non axudará a consolidar os gobernos rebeldes nas cidades galegas".

Segundo unha información que esta cuarta feira publica eldiario.es, Anova denuncia na misiva que o actual portavoz rotatorio de En Marea Miguel Anxo Fernán Vello (militante do partido liderado por Antón Sánchez) non foi convocado á reunión da dirección do grupo parlamentar en que se ultimou a proposta de reforma.

Na reforma Unidos Podemos desbota a súa inicial proposta de mudar a lei D'Hont polo cociente Hare -a norma máis proporcional que existe- e asume o método Sainte-Laguë, que aínda que ten menos nesgo maioritario que o sistema eleitoral actual non é suficientemente protector dos direitos das minorías. Podemos decidiu prescindir de Hare para favorecer o acordo con Ciudadanos. A entente co partido de Rivera é a que non aceita Anova, para quen a proposta de reforma "contribúe para proxectar un partido (Cs) que non conseguiu representación no Parlamento galego, que está radicalmente en contra do autogoberno e que ataca ferozmente a nosa lingua e cultura".

Na carta que asina Antón Sánchez, Anova considera que a súa exclusión das reunións en que se acordou o lanzamento da reforma eleitoral non se corresponde "coa dinámica propia dun grupo confederal que, democraticamente, debe basearse en tomas de decisións adoptadas entre iguais, con transparencia e consultando a todas as partes".

Comentarios