Anova dedica unha conferencia nacional á política nos concellos

Baixo o lema República dos Concellos, Anova-Irmandade Nacionalista dedica unha conferencia nacional a reflexionar sobre política nos concellos e a “definir e estabelecer liñas de traballo consecuentes coa aposta polas mareas e o proceso de Unidade Popular”. Será este sábado en Teo.

Antón Sánchez
photo_camera O portavoz nacional de Anova Antón Sánchez.

Como vén sendo habitual, o hotel Montouto, en Teo, acollerá a militancia de Anova para debater sobre política municipal e extraer conclusións das denominadas Xeiras, encontros entre militantes que a dirección do partido realizou por diferentes localidades do país nos últimos meses.

Ás doce da mañá, o portavoz nacional Antón Sánchez e mais a responsábel de acción institucional Lara Rodríguez ofrecerán un primeiro balanzo aos medios de comunicación. Na clausura, xa de tarde, tamén participará o alcalde de Santiago de Compostela Martiño Noriega.

Anova, en solitario ou integrada en partidos instrumentais “de confluencia” ten as alcaldías de Teo, Val do Dubra e Manzaneda, amais da da capital do país, e edís en numerosos gobernos locais. Nas últimas semanas, a organización galega de Podemos -con Esquerda Unida e Anova, a terceira das patas partidistas máis importantes das mareas- fixo declaracións en que toma certa distancia coas experiencias municipais.

Comentarios