5-A

Anova cre que Podemos está fóra da "unidade popular" e traballa nunha lista propia coas mareas

O portavoz da formación nacionalista, Antón Sánchez, asegura que as "portas" están abertas para sumar a formación morada sempre que acepten "un encontro entre iguais".

anova
photo_camera Antón Sánchez, este sábado en Teo (@anovagal)

Anova traballa na configuración dunha candidatura para as eleccións do 5 de abril da man das mareas municipalistas e, polo momento, desbota sumarse a Galicia en Común, a marca de Unidas Podemos na Galiza, porque considera que "é un proxecto que se afasta do camiño da unidade popular" iniciado no ano 2012.

Así o expresou o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, en declaracións aos medios de comunicación nun hotel de Teo (Santiago), onde este sábado mantivo unha xuntanza a coordinadora nacional da formación fundada por Xosé Manuel Beiras.

Sánchez recoñeceu que, nestes momentos, Anova traballa coas mareas municipalistas para configurar unha candidatura que se enfrontaría nas urnas coa de Podemos e Esquerda Unida, xa que o partido morado "non está no camiño de dar continuidade á unidade popular, senón de presentar o seu proxecto político" apostando pola fórmula de Galicia en Común que, como comentou Sánchez, "é Unidas Podemos".

Tras remarcar que esta postura é "lexítima e respectábel", a formación nacionalista rexeitan a proposta de Podemos que, din, se limita a que Anova se integre en Unidas Podemos. "Iso non é unha confluencia, unha alianza. É sumármonos ao proxecto de Unidas Podemos; non é dar continuidade á unidade popular que sempre se deu como un encontro entre iguais", comentou Sánchez a preguntas dos medios.

"Esperemos que os compañeiros e compañeiras destas organizacións reconduzan a situación cara á unidade popular", expresou Sánchez, que asegurou que as portas están "abertas" até o último momento para confluír con Podemos e Esquerda Unida, aínda que ante o escenario actual están lonxe do acordo.

Lista coas mareas

Polo tanto, Anova avanza cara á presentación dunha lista coas mareas municipalistas ─canto menos, coa de Santiago (Compostela Aberta) e a da Coruña (Marea Atlántica)─ que, di, serían as herdeiras da idea de "unidade popular".

"Temos unha sintonía moi grande coas mareas municipais. Temos que presentar unha alternativa que dea continuidade ao traballo iniciado en AGE (Alternativa Galega de Esquerdas), que se foi mellorando coas mareas municipalistas e coa En Marea orixinal", dixo Sánchez, que reivindicou que "o mapa político" da Galiza "estaría incompleto" sen "unha alternativa" que represente "a unidade popular".

Ademais, Antón Sánchez negou que existan contactos coa En Marea de Luís Villares.

Comentarios