Anova chama a un 25X para “cimentar” un “proxecto colectivo, nacional”

Pola República Galega é o lema escollido para este ano. O acto central do Día da Patria Galega terá lugar no Parque de galreas, Compostela. O 23, en Vigo, unhas xornadas sumarán voCes galegas e portuguesas “para manter a vixencia e a urxencia do internacionalismo”.

ANOVA ORIANA MENDEZ ANTON SANCHEZ

O 25 de Xullo como una data “reivindicativa e lúdica” na que “galegos e galegas debemos cimentar un proxecto colectivo, un proxecto nacional” que debe estar articulado “nos valores e principios da esquerda”. Así defindiu Antón Sánchez, portavoz nacional de Anova, a importancia desta data. “A cuestión nacional non deixa de ser outra cara da moeda da cuestión social, a cuestión da vida das persoas”, incidiu, polo que desde Anova reivindican “a necesidade de que nós mesmas nos gobernemos para mellorar as condicións de vida das persoas deste país”.

Oriana Méndez, concelleira en Vigo, informou das xornadas ‘Esquerda e República’ que decorrerán en Vigo o día 23, coa presenza de voces como as de Joana Mortágua (Bloco de Esquerdas)  ou Martiño Noriega (Compostela Aberta). “Mostrar o vínculo histórico entre Galiza e Portugal e facendo unha chamada conxunta para manter a vixencia e a urxencia do internacionalismo.” Entende que este diálogo ten lugar nun momento no que “unha nova Internacional Reaccionaria, con tentáculos no Estado español, pretende unha involución en termos sociais e democráticos e un avance ao mesmo tempo na folla de ruta do neoliberalismo”

Antón Sánchez afirmou que dende Anova “entendemos a cuestión nacional non tanto como unha cuestión identitaria senón como unha cuestión material, coa necesidade de decidilo todo. Por iso lanzamos este ano o lema de pola República Galega”.

Comentarios