sábado 31/10/20
Conferencia Política

Anova cede o protagonismo ás mareas municipais

A Conferencia Política Nacional de Anova, que ten lugar este sábado, día 17, en Teo, baixo o lema “República dos Concellos”, representa unha aposta decidida nas mareas municipais, tal e como asegurou o portavoz nacional, Antón Sánchez.

[Imaxe: Anova] Debate dos grupos de traballo
[Imaxe: Anova] Debate dos grupos de traballo

Co obxectivo de que en 2019 “o PP sufra unha severa derrota”, Anova acorda cederlle o protagonismo “ao espazo unitario das mareas municipais”. Así o indicaron os responsábeis da formación política, que este sábado realiza a Conferencia Política Nacional en Teo baixo o lema “República dos Concellos”.

Ao inicio da reunión, o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, puxo de manifesto a aposta da forza política nas mareas municipais nas eleccións de 2019 que, segundo dixo, “sinalan un momento político decisivo”. “Hai que consolidar os gobernos rebeldes do cambio e hai tamén derrotar o PP no maior número de concellos galegos”, afirmou o dirixente de Anova, que acusou os gobernos de dereita de “vivir parasitariamente de costas aos cidadáns” e de seren “unha maquinaria de submisión e dependencia, totalmente entregada ao Goberno central e á Xunta para liquidar a autonomía municipal”.

Antón Sánchez: "Na primavera rebelde de 2019, os partidos debemos ser motores auxiliares"



Afirmou ademais que na “primavera rebelde de 2019”, “os partidos debemos ser motores auxiliares”. Así, puxo de manifesto que dentro das mareas non debe haber lugar para os protagonismo e intereses de parte. Nese sentido, sinalou que “funcionar con lóxicas de coligazón ou de parte debilita o espazo de unidade. O protagonismo é o do espazo unitario das mareas municipais. Debe ser a súa xente a que decida, non os partidos”.

A seguir, Antón Sánchez salientou que “a derrota do Partido Popular nas municipais de 2019 é fundamental para abrir un novo ciclo de cambio político para frear o autoritarismo do Estado activado pola aplicación do artigo 155, poder crebar as políticas austeritarias e defender o autogoberno de Galiza para poñelo ao servizo das maiorías sociais”.
 

Como obxectivo marcouse “reforzar iniciativas que permitan combater frontalmente a consolidación do modelo da precariedade, da austeridade e da explotación que nega dereitos e benestar a unha boa parte dos galegos e galegas, moi especialmente á xente máis nova”.

O segundo plano

Como “segundo plano de combate político” citou “a defensa dos intereses de Galiza e derrotar as políticas entreguistas e submisas de Feijóo diante das decisión do Goberno central. Entreguismo servil que debilita Galiza como nación”. Con Feijóo, engadiu, Galiza perde peso político e recursos financeiros. 

A reunión encetou co discurso de apertura, da man do alcalde de Teo, Rafa Sisto, que subliñou que “nos xogamos boa parte do futuro nun 2019 en que é necesario impulsar a coordinación municipalista". Puxo como exemplo o Encontro Municipalista organizado por Compostela Aberta o pasado 20 de xaneiro.

Pola súa banda, Lara Rodríguez, responsábel de institucional de Anova, apuntou que “hai que aproveitar este momento político para impulsar a loita pola radicalización da democracia, para ganar espazos para a transparencia da xestión e a participación cidadá”. Sinalou que é fundamental darlle o protagonismo “á xente do común”.

A clausura da Conferencia Política Nacional está prevista para as 18 horas de hoxe, hora á que intervirán o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, Lara Rodríguez e Antón Sánchez.

comentarios