Anova, cada vez máis lonxe de Podemos, segue pensando en AGE

Antón Sánchez di que a forza que impulsou Beiras seguirá intentando reconstruír “un espazo de unidade popular e de ruptura” malia renuncia a presentarse ás xerais. E advirte que as coalicións non se poden conformar “a golpe de convocatoria electoral” senón con diálogo político. Ese elemento parece que falta na relación entre Anova e Pablo Iglesias.
Anton Sanchez no Parlamento. Debate da nación. setembro 2019 (2)
photo_camera Antón Sánchez, no Parlamento no último debate do estado da nación.

Mentres Podemos e Esquerda Unida confirmaban onte, segunda feira, os cabeza de lista de Galicia En Común nas circunscricións galegas para as estatais de novembro –Gómez-Reino na Coruña; Yolanda Díaz en Pontevedra; Ledicia Piñeiro en Ourense; e Vanessa Somoza en Lugo– os seus antigos socios no espazo En Marea tomaban vías diferentes pero camiños paralelos cara un futuro cando menos incerto.

Luís Villares e o que queda de En Marea presentaranse ás estatais en solitario. Onte anunciaron o fracaso no acercamento á plataforma Más Madrid –por non ter acordado unha axenda común galega, segundo fontes da formación de Villares–, ao tempo que asumían que ningún partido atendeu a oferta de concorrer as estatais nunha candidatura “ampla, galega, progresista e responsábel”. Villares e os seus fican fóra de xogo.

E fóra de xogo, pero cando menos voluntariamente, fica tamén Anova, ignorada polos partidos cos que comparte bancada no Parlamento. Igual que Villares, Anova fixo un chamamento “a toda a esquerda política e social galega”. 

“Realmente non houbo resposta pola outra parte”, explicaba onte Antón Sánchez, portavoz do Grupo Común da Esquerda no Parlamento e un dos cabeza visíbeis de Anova. “Nin resposta nin negociación algunha. E non queremos fragmentar máis o espazo da esquerda, por iso decidimos non presentarnos ás xerais”. É a segunda vez que sucede. 

“A situación é similar á do 28A”, di Sánchez. Mais non tanto: é a segunda vez, e sucede a menos dun ano (se non media un adianto) das eleccións galegas e despois duns meses en Madrid nos que Unidas Podemos foi abandonando as súas posicións en prol dos dereitos dos pobos na procura dese goberno co PSOE.

Diferencias ideolóxicas, tácticas e persoais

As diferencias ideolóxicas remarcáronse nestes meses. Anova non se moveu, pero Podemos si. E non se viu por ningures confronto de opinións entre os socios de por onde debían ir as cousas. Pablo Iglesias xa non debate con Beiras. Yolanda Díaz asumiu o rol de referente galega… para as cuestións de Estado.

As diferencias tácticas e persoais tamén se agrandaron. Pablo Iglesias disputa o seu espazo no plano estatal. Anova, con Beiras a un lado, xa non pinta nada nese marco. Ademais, seguindo o exemplo de Anova, algunhas mareas (singularmente a Marea Atlántica coruñesa) puxéronse de perfil na campaña do 28A. Pablo Iglesias pasoulles a factura nas municipais.

Así que a situación parece diferente á de abril. Mais Anova teima. “Anova está intentando reconstruír o espazo de unidade popular. Esa é a nosa vontade. E pensamos que as mareas municipalistas, entre outros actores que teñen obxectivos políticos comúns, teñen que estar. Non se pode deixar fóra a ninguén que comparta iso e menos, a mareas tan fortes como as que hai no país”, insiste Antón Sánchez. “Pero as decisións de outros non dependen de nós, claro”.

Sánchez pensa que a retirada de Anova en abril e agora en novembro non afectará ao traballo no grupo parlamentar –“creo que temos a madurez suficiente para defender até o final o noso programa electoral, e nós estamos aí para iso”– e manifesta que tampouco debería afectar a unha futura coalición para as galegas de 2020. “Queremos reconstruír o proxecto do que foi AGE no 2012, pero iso non se fai a golpes de convocatoria electoral e xa está, é preciso un diálogo político, por aí temos que empezar”, indica o deputado.

Cara o 10N, Anova non vai pedir o voto para ningunha candidatura, “pero convén non esquecer que se pode dar un goberno da dereita coa ultradereita, esa ameaza inda non se disipou”, advirte Sánchez. Por outra banda, o deputado valora a aparición de Más País no taboleiro galego. “O primeiro é que non se coñece o proxecto de Errejón para Galiza. O seguinte é que vai fragmentar o voto”. 

Comentarios