Anova aposta por un novo suxeito para as eleccións galegas

A dirección de Anova considera que a ferramenta electoral coa que acudir aos comicios galegos debe reformularse e debaterá sobre esta tese na súa IV Asemblea Nacional.

Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez. Foto de arquivo (Europa Press)
photo_camera Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez. Foto de arquivo (Europa Press)

A vindeira cita electoral na Galiza será a das eleccións ao Parlamento galego e desde a dirección de Anova apostan por reformular o suxeito co que apresentarse aos comicios.

Nas pasadas eleccións Anova concorreu baixo a marca de En Marea, mais após a división do grupo parlamentario coa marcha do seu portavoz Luís Villares ao Grupo Mixto, as deputadas e deputados de Anova, EU e Podemos ficaron baixo a nova nomenclatura do grupo parlamentario Común da Esquerda.

A formación liderada por Antón Sánchez continúa apostando pola «unidade popular», aínda que considera que ante as eleccións galegas do próximo ano debe reformularse a ferramenta creando unha plataforma «sen imposicións» por parte das organizacións participantes e que evite caer na «fragmentación do voto á esquerda» do PSdeG.

Esta tese é a idea principal do documento político enviado por  Anova á súa militancia para a IV Asemblea Nacional do partido, que se realizará o próximo 14 de decembro nos arredores de Santiago de Compostela e que marcará o futuro da organización que, após non concorrer ás xerais de abril e novembro, destaca que as eleccións «son unha arma fundamental, non a única, pero si irrenunciábel».

Na tese a dirección de Anova realiza unha análise da súa traxectoria e a da unidade popular desde o seu nacemento, ademais de deterse nun contexto actual que ven marcado polo «rearmamento» do bloque conservador e a tendencia cara ao retorno do bipartidismo.

Así as cousas, consideran que existen as condicións para reconstruír unha ferramenta para acudir ás eleccións de 2020 que debe tomar como exemplo «as claves» sobre as que se articularon as mareas municipais.

Comentarios