Anova aposta por dialogar co BNG sen descartar a En Marea

Anova non marca "fronteiras nin límites" para dialogar co espazo á “esquerda do PSOE” de cara as eleccións galegas de 2020
anton sanchez gladis afonso martiño noriega
photo_camera Anton Sánchez, Gladis Afonso e Martiño Noriega (Europa Press).

O responsable de relacións políticas de Anova, Martiño Noriega, recoñeceu, tras a reunión da Coordinadora Nacional, que o partido non pon "nin fronteiras nin límites" para dialogar co espazo "á esquerda do PSOE" de cara a conformar unha candidatura unitaria para as eleccións autonómicas previstas para este ano.

En declaracións aos medios, avanzou que en breve comezarán os contactos formais coas direccións doutras formacións políticas, coas que buscan ir "máis aló" de Podemos e Esquerda Unida (EU), os seus socios de grupo no Parlamento da Galiza, cos que non conseguiron reeditar alianzas para as xerais do 2019.

"Estamos a todo o que ten transcendencia e peso político á esquerda do PSOE"

Así, afirmou que Anova tentará o diálogo co BNG. Preguntado por En Marea -marca baixo a que toda a esquerda rupturista se presentara aos comicios entre 2015 e 2016, coa que rachou o pasado verán-, Noriega apostou por "non vetar a ninguén". "Iremos modulando", dixo, para confirmar que Anova establecerá contactos non só cos partidos representados na Cámara galega senón con outras forzas que vaian "máis aló dos grupos actuais" no Parlamento; en referencia a plataformas e cidadáns "que están a resistir as políticas" de Alberto Núñez Feixoo á fronte da Xunta, aclarou.

Candidatura unitaria

"Estamos a todo o que ten transcendencia e peso político á esquerda do PSOE", insistiu, un bando que segundo recoñeceu "estaría en disposición non de ser subsidiario" na esquerda "nin de repartir postos nin pequenas porcentaxes", senón de "traballar coperativamente" para "liderar un cambio político real".

"Por Anova non vai quedar" que haxa unha candidatura unitaria, advertiu Martiño Noriega, consciente de Feixoo pode convocar as eleccións en calquera momento. "Non imos vetar a ninguén, pero os tempos son os que son e se queremos desputar hexemonías temos que ir aos espazos políticos que nestes momentos teñen incidencia real e tamén aos colectivos, plataformas e mareas municipalistas", subliñou.

Supervivencia do país

O portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, tamén se referiu á conformación dunha candidatura alternativa. É "unha cuestión de supervivencia para o país" para "acabar con dez anos de políticas do PP". Neste sentido, Sánchez recordou algúns dos conflitos sociais con máis recpercusión no país, como son o do Hospital de Verín e o da mina de Touro, para sinalar que os populares "xa non son capaces de ofrecer nada máis" a Galiza, xa que foron "derrotados pola xente" a través dos movementos sociais.

"Feixoo ten que recorrer á censura, mesmo á manipulación informativa e a taparlle a boca ás traballadoras e traballadores que desde hai anos reclaman unha sanidade pública digna", engadiu, en relación coa prohibición do Sergas de colgar carteis con contido "difamatorio" contra as institucións públicas nos centros de saúde.

Comentarios