Anova apela ao espírito de AGE e deixa a porta aberta a un acordo

A segunda feira, día 30, ás 14 horas remata o prazo de presentación das coalicións que concorrerán ás eleccións estatais do 10 de novembro. Anova sinala que ten “as portas abertas” a un grande acordo “até o último minuto”.

anton sanchez
photo_camera Antón Sánchez, portavoz nacional de Anova.

A Conferencia Política preasemblearia de Anova, que tivo lugar na mañá do sábado en Compostela acordou realizar un chamamento público “a toda a esquerda política e social galega” para “buscar e conseguir facer unha candidatura alternativa real e unitaria”. Unha candidatura, afirma o partido nun comunicado de imprensa, “que sexa quen de gañarlle á frustración e á desmobilización”.

Para iso invoca o espírito da extinta AGE ao apostar en “recuperar os valores que levaron en Galiza ao proceso de acumulación de forzas desde 2012”. Sinala ao respeito que “é preciso a xenerosidade para incluír no proceso toda a diversidade dun espazo onde se acorde entre iguais”.

O partido dirixido por Antón Sánchez expón seis medidas que deberían formar parte do acordo programático: a defensa da soberanía popular da nación galega como suxeito político con dereito a decidilo todo; o compromiso activo na loita contra o cambio climático e a superación dun sistema que esgota os nosos recursos naturais e beneficio das grandes multinacionais que se enriquecen coa depredación do noso territorio; a derrogación das reformas laborais de PP e PSOE, o impulso dun Marco Galego de Relacións Laborais e un Plan de retorno para a mocidade que tivo que emigrar como consecuencia das políticas neoliberais; a posta en marcha de políticas públicas que impidan a desindustrialización e a deslocalización de empresas na Galiza; a derrogación da reforma do artigo 135 da Constitución do 78 e a recuperación da soberanía financeira da administración local e reafirmar o compromiso co feminismo e a igualdade, con políticas debidamente orzadas.

Anova anuncia que trasladará as propostas “aos diferentes axentes do espazo de ruptura na Galiza para deixar abertas as portas do acordo até o último minuto”. “Por nós non vai quedar que haxa unha única papeleta do espazo o vindeiro 10-N”, recolle o comunicado de Anova, que decidira non presentarse ás anteriores eleccións estatais. Daquela salientaba que non se deran as condicións para facer unha fronte ampla.

Comentarios